Site icon Crónica3.com A Mariña

O escritor mariñao Ramón Reimunde presentou na Deputación unha obra súa sobre Carvalho Calero

Nota de prensa

O LIBRO “CAUTIVÉRIO DE FINGOI. OS ANOS LUGUESES (1950-1965) DE D. RICARDO CARVALHO CALERO” PRESENTOUSE HOXE NA DEPUTACIÓN

A obra, de Ramón Reimunde Noreña, foi editada polo servizo de publicacións da Área de Cultura e é un estudo sobre os anos nos que Carvalho Calero residiu en Lugo e foi mestre no Instituto de Fingoi

LUGO, 27 de outubro de 2010. O escritor mariñao Ramón Reimunde presentou hoxe o seu libro “Cautiverio de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de Don Ricardo Carvalho Calero” no salón de actos da Deputación de Lugo. Ao acto asistiron tamén Antón Bao, vicepresidente da Deputación, Asunción Fernández, directora do Colexio Fingoi de Lugo, Bernardo Penabade, profesor e ex presidente da Associaçom Galega da Lingua  (AGAL), e  Margarita Carvalho, filla de Ricardo Carvalho Calero.

O libro foi editado polo servizo de publicacións da Área de Cultura da Deputación e consiste nun estudo sobre os anos nos que o mestre Carvalho Calero residiu en Lugo, exercendo como mestre no instituto de Fingoi. Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación manifestou a súa satisfacción por poder brindar o apoio necesario para ver realizada a edición deste libro, e lembrou que “coa nosa entrada no goberno da Deputación, o servizo de publicacións leva a cabo un traballo de edición de numerosas publicacións de grande calidade pola súa significación e aproveitamento para o coñecemento da cidadanía”.

A obra deita luz sobre uns anos pouco estudados da vida do insigne mestre e que, ademais, foron relevantes para algúns aspectos da súa vida, da súa escrita ou da súa idiosincrasia no plano sociopolítico. Coa lectura deste libro, pódense seguir os pasos dun home precavido que elabora coidadosamente a súa propia imaxe, executando un ambicioso proxecto de vida e obra. Chega en 1950 a Lugo, e alí coñece a sociedade luguesa, gana prestixio como docente en Fingoi, fai literatura e investiga, entre outras cousas. Finalmente, no 1965 marcha a Santiago para traballar na Universidade e acadar a meta final difundindo o reintegracionismo.

Ramón Reimunde Noreña ( San Martiño de Mondoñedo, Foz, 1949) realizou os estudos primarios na súa aldea natal e o Bacharelato no colexio Sagrado Corazón de María de Xixón. Estudou dous cursos de Enxeñería Naval en Oviedo e Madrid, Náutica na Coruña e Filoloxía en Santiago. É piloto e capitán da Mariña Mercante e licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. En 1981 foi nomeado profesor agregado de Lingua e Literatura Galega e en 1992 accedeu á condición de catedrático de Lingua Galega. Foi profesor de Galego e xefe de seminario no ensino público dende o ano 1979, con destinos en Viveiro, Lugo e Foz. Foi membro  dos consellos de goberno de AGAL, da Asociación Forestal de Galicia e de Promagal. De ideoloxía galeguista, vive unha vida tranquila no Valadouro, afastado do mundanal ruído. É autor, entre outras, das publicacións “Poesía Completa de Leiras Pulpeiro” (Sotelo Blanco, 1984), “Ben pode Mondoñedo desde agora” (El Progreso, 1998), “A Costeira” (2006), ou, en colaboración, “Comentario de textos literarios” (Alhema, 1986) e “Os escritores lugueses ao redor de Fole” (Concello de Lugo, 1986).

Exit mobile version