Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS e o Lanzarote Tías Yaiza medirán forzas no Vista Alegre

Nota de prensa

OS BURELAOS RECIBEN O LANZAROTE EN DESAFÍO DIRECTO

Vista Alegre prepárase para o espectacular e intenso encontro que deparará a novena xornada de Prata, medindo as forzas do Lanzarote Tías Yaiza e o Burela FS. Ambas as escuadras enfrontaranse en desafío directo dende a quinta e a sexta praza respectivamente, empatados con 15 puntos.

O sábado, a partir das 18.30 horas, a bomboneira volverá reunir dous vellos coñecidos da categoría que se debaten polos postos altos, aínda que cun percorrido no que diverxen a evolución paulatina dos burelaos e o ímpeto inicial dos canarios. O Burela FS conseguiu ir asentándose co paso das xornadas buscando a regularidade; mantense invicto dende a segunda xornada. Porén, o Lanzarote, empezou moi enchufado, con catro vitorias consecutivas, pero chegou o baixón, nas xornadas quinta e sexta con Zamora (4-3) e Puertollano (2-4); tras o descanso da semana pasada os lanzaroteños recobraron pulos para vencer o Ribera Navarra (6-4).

Defendendo a camisola insular, volverán a Vista Alegre os mariñáns Xuxa e Javi Fajardo, formados nas categorías inferiores laranxas. Especial coidado deberán ter os burelistas na defensa posicionándose fronte a eles dous dos máximos goleadores da categoría, Yoni e Beto (Azkar Lugo), con 10 e 9 tantos respectivamente. Dantas pode ser dúbida na visita á Mariña, por lesión.

No vestiario laranxa, regresa Minu, tras a sanción imposta ante ElPozo, e Suso Rey cumprirá o segundo e último partido de suspensión. Víctor Cachón evoluciona segundo o previsto da rotura de ligamento lateral interno; en dúas semanas empezará a facer carreira.

Exit mobile version