Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo decreto de organización do sistema sanitario galego avanza no desmantelamento do Hospital da Costa, explica o BNG

Nota de prensa

Veiga considera que o DOG deixa ao descuberto as falsidades do PP.

O BNG anuncia que o novo decreto de organización do sistema sanitario galego avanza no desmantelamento do Hospital da Costa.

O Diario Oficial de Galiza do 15 de Outubro de 2010 recollía o Decreto 168/2010 do 7 de Outubro polo que se procedía a regular as estructuras de xestión integrada nos ámbitos periféricos do Servizo Galego de Saúde e tamén  a creación das estructuras de xestión integrada de Santiago de Compostela e Coruña. Así segundo se recolle no referido decreto o obxectivo do mesmo ten como sentido definir o modelo organizativo do Servizo Galego de Saúde para proceder a paso seguido a creación das estruturas de xestión integrada alén da Provincia da Coruña onde a día de hoxe xa está completada a creación das tres áreas coa de A Coruña e Compostela, unha vez que a de Ferrol xa viña funcionando. Segundo os nacionalistas “o propio contido do Decreto e a concreción que se fai do mesmo para o caso da Coruña e de Compostela non fai outra cousas que certificar os argumentos que viñemos utilizando desde A Mariña, no sentido de que a folla de rota da Consellaría é converter  a Area Sanitaria da Costa nunha mera sucursal da Área de Xestión Integrada de Lugo”.

O novo decreto de organización deixará ao Hospital da Costa como unha mera sucursal do hospital referencial de Lugo.

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que a nova estructura de mando dos órganos periféricos do SERGAS complétase cunha Xerencia de Xestión Integrada, Dirección de Procesos Asistenciais, Dirección de Recursos Asistenciais, Dirección de Recursos Económicos e un Xerente Executivo que nos casos concretos das tres áreas de xestión integrada que funcionan a día de hoxe se corresponden co director do Hospital que non é de referencia, isto é no caso da Coruña o de Cee e no caso de Compostela o do Hospital do Barbanza. “Este Xerente Executivo tal como se recolle no Decreto terá como función a execución das directrices e proxectos establecidos para o seu ámbito determinado nos anexos deste decreto, isto é aplicar o que se defina no Comité de Dirección e o que acordasen cada un dos outros cargos unipersoais dese Comité de Dirección. En definitiva máis claro branco e en botella o camiño que se propón e converter aos Hospitais que non sexan de referencia na área de xestión e meras sucursais dos anteriores” afirmou Veiga.

Balseiro mentiu á cidadanía da Mariña e o DOG danos a razón sobre as intencións do PP de desmantelar pola vía dos feitos a autonomía de xestión da Área Sanitaria Norte.

O Portavoz Comarcal do BNG indicou que abonda con repasar as funcións que no decreto se outorga aos órganos persoais de cada unha das áreas de xestión para comprender que a capacidade de autonomía dos xerentes executivos pasa a ser mínima ate o punto de que a política de gasto, de contratación de persoal para cubrir as necesidades asistenciais, de persoal no sentido de que se pasa a entender a área de xestión como a area sanitaria, de ampliar os servizos  ou para asinar os concertos cos centros privados xa non dependerán deles. “A estas alturas xa non hai dúbidas de quen faltaba a verdade, polo que o PP e particularmente Balseiro deberían pedir escusas aos veciños da Mariña. Se atendemos ao propio cronograma que no seu momento fixou a Consellaría de que en 2011 se crearían as áreas de xestión en Lugo e en Ourense e se temos en conta a próxima apertura do novo Hospital en Lugo xa non quedan moitas dúbidas de que o destino que a  Xunta de Galiza lle ten reservado ao Hospital da Costa” afirmou Veiga que se mostrou convencido “de que ou a mobilización social e a presión social para os planes do PP ou senón Burela se converterá nun Centro de Saúde, con máis espacio iso si, que os outros que existen na zona. Mesmamente non é casual que fose precisamente nas áreas sanitarias onde houbo menor presión social por onde comezaron a implantar o novo sistema”.

O goberno galego deteriora de xeito deliberado a calidade asistencial no Hospital da Costa cun comisariado político que actúa na súa dirección sen rechistar.

O Bloque Nacionalista Galego mostrouse convencido de que o futuro do Hospital da Costa se atopa as portas da súa batalla decisiva, “porque ou mudamos o modelo organizativo definido neste Decreto ou pouco ficará en dous anos do Hospital, con todo o que significa de calidade asistencial pero tamén de motor económico da Mariña. Non nos estraña mesmamente que o propio SERGAS e a actual equipa directiva do Hospital estean a día de hoxe de xeito deliberado a deteriorar a calidade asistencial e tampouco é casual que de xeito reiterado a Xunta de Galiza se negue a investir no Hospital da Costa, mesmo en cuestións que son indispensábeis. Todo indica que o PP e o Goberno Galego o dá por amortizado, si a presión da sociedade da Mariña non os para”. Neste sentido o Portavoz Comarcal do BNG anunciou “a presentación dunha pregunta parlamentaria a fin de que a Xunta faga público con que prazos xoga para crear a Área de Xestión Integrada de Lugo e se o Xerente da Area se vai corresponder co do centro hospitalario de referencia. Outro tanto imos a facer en relación cos investimentos furtados polo PP  no Hospital a fin de que se acometan as obras recollidas no Plano Director e que aumente as dotacións en gasto corrente para o mesmo a fin de rematar co colapso ao que está sometido. Porque o camiño para iso non poden ser as peonadas como substituto das actuacións ordinarias”.

Exit mobile version