Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o BNG intenta aproveitarse politicamente da desgraza dos despedimentos de Sargadelos

NOTA DE PRENSA

“En vez de traballar para buscar solucións, no BNG local, só buscan a crítica e o desgaste político”-conclúe o deputado popular
BALSEIRO ACUSA AO BNG DE “INTENTAR APROVEITARSE POLÍTICAMENTE DA DESGRAZA DOS DESPEDIMENTOS EN SARGADELOS”

* Nesta estratexia os nacionalistas non dubidan en empregar a mentira e a manipulación para perpetrar o engano a traballadores e a veciños: A aprobación do ERE é unha decisión técnica baseada nun informe da Inspección do Ministerio de Traballo.

* É absolutamente falsos que os populares votaron dun xeito distinto no Parlamento que no Pleno municipal. Propuxeron unha emenda -no mesmo sentido no que foi aprobada en Cervo- demandando que o Goberno central colaborase no plan de viabilidade da empresa e asumira o financiamento das prexubilacións. Os nacionalistas nin tan sequera acudiron á votación parlamentaria, amosando o pouco interese que teñen neste asunto.

A Mariña, 09 de outubro de 2010.- Jose Manuel Balseiro Orol acusa ao Bloque Nacionalistas Galego (BNG) de intentar aproveitarse politicamente da desgraza dos despedimentos de Sargadelos. Só así explican as últimas informacións difundidas pola formación política nacionalista que puxo en marcha unha estratexia “na que non dubidan empregar a mentira e a manipulación, todo con tal de enganar a traballadores e veciños”. Os populares insisten en que a aprobación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) é unha decisión técnica baseada nun informe da Inspección do Ministerio de Traballo.

O deputado popular tamén quixo desmentir con absoluta rotundidade que tal e como afirman os nacionalistas, o Grupo Popular tivera un sentido do voto distinto no Parlamento e no Pleno municipal cando se debateu a crise de Sargadelos. De feito os populares lembran que rexistraron unha emenda na Cámara galega, na que pedían –tal e como se aprobou en Cervo- que o Goberno central, dado que a través da súa inspección de Traballo consideraba necesario aprobar o ERE, tamén se involucrara no futuro da empresa, garantindo o seu plan de viabilidade e asumindo –como única administración competente no ámbito da seguridade social- o custe das prexubilacións. A devandita emenda non foi aceptada polo PSOE o que motivou o voto en contra do PP. Os nacionalistas nin tan sequera acudiron á votación desta iniciativa no Pleno do Parlamento, “amosando así o nulo interese que teñen neste asunto”.

O BNG NON BUSCA SOLUCIÓNS

O deputado popular segue a considerar “incomprensible” o diferente trato que o Ministerio de Traballo está a dar aos traballadores da fábrica de Sargadelos e O Castro, en Sada. En todo caso, considera que quen ten que dar explicacións sobre elo é o Goberno socialista central. Lembra que, tal e como transcendeu nos medios de comunicación e tal e como advertiron os populares, tamén se están a producir despedimentos na factoría de Sada, aínda que alí non se aprobou o ERE, porque coa nova reforma laboral que impulsou o PSOE o despedimento é “máis barato e practicamente libre”. Un contrasentido, sobre o que garda silencio socialistas e nacionalistas.

Balseiro afirma finamente que “é unha mágoa que os nacionalistas en vez de buscar solucións, só busquen a crítica e o desgaste político, aí demostran o seu verdadeira interese e o seu desprezo aos traballadores despedidos.”

Exit mobile version