Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que os orzamentos da Xunta achegan un investimento para obras ou servizos na Mariña preto dun 50% superior ao actual

NOTA DE PRENSA

Os deputados Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao significan que a súa comarca “segue a gañar” co Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijoo

OS ORZAMENTOS DA XUNTA ACHEGAN UN INVESTIMENTO PARA OBRAS OU SERVIZOS DETERMINADOS NA MARIÑA LUCENSE PRETO DO 50% SUPERIOR QUE O CONTEMPLADO NO 2010

* O investimento por cada mariñán supera xa os 857 euros xa que esta comarca disporá de case 10 millóns de euros máis en partidas con consignación expresa para algún dos concellos da Mariña lucense

* A Xunta discrimina positivamente a nosa comarca, ao manter o nivel de investimento nas principais obras que se están a executar: así por exemplo o corredor da costa disporá de 10,21 millóns de euros e o Hospital da Costa manexará un orzamento de 37,13 millóns de euros, e ademais 500.000 irán destinados a obras de ampliación e melloras tecnolóxicas

* O esforzo inversor da Xunta contrasta frontalmente co previsto polo Goberno central que recortará un 41% do seu orzamento. Mentres que o treito autonómico do corredor está en obras e recibe investimentos millonarios (10M€), o de competencia estatal permanece paralizado ao igual que a autovía do Cantábrico

Ribadeo, 25 de outubro de 2010.- “Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2011 achegan un investimento destinado a obras ou servizos na Mariña lucense preto dun 50% superior ao contemplado na actual anualidade”- este foi o principal dato ofrecido polos deputados populares Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao no transcurso da rolda de prensa celebrada no día de hoxe, e na que presentaron un amplo estudo ao respecto da incidencia que as contas autonómicas terán na nosa comarca. Os parlamentarios indicaron que A Mariña lucense “segue a gañar” co Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo e mostra disto –explican- “recibirá case 10 M€ máis ca no 2010 en investimento directo”

Outro dato moi significativo ofrecido polos deputados do PPdeG é que, mentres que os orzamentos da Xunta a nivel global descenden considerablemente –un 9,7%- na Mariña a Xunta executa unha estratexia de discriminación positiva e reequilibro territorial que suporá que a cifra de investimento por habitante supere xa os 857 euros. Unha ratio que se obtén de dividir o investimento territorializado –uns 44,12 M€- por cada un dos veciños que forman parte do censo comarcal. “De feito, desde que o PP accedeu á responsabilidade de Goberno, o investimento na Mariña vén crecendo ano a ano consecutivamente”.

AS PRINCIPAIS ACHEGAS: CORREDOR E HOSPITAL

Pero sen lugar a dúbidas, unha das cuestións que máis satisfacción supoñen para os populares é que se está a manter o esforzo inversor nas grandes infraestruturas que a administración autonómica executa na Mariña, así como tamén nos servizos máis salientables. De feito a Xunta investirá nos tramos lucenses do corredor 10,21 M€. No tocante ao Hospital da Costa, o centro manexará un orzamento global de 37 millóns de euros. A maiores desta cantidade recibirá tamén en investimentos directos medio millón de euros, para as obras de ampliación de servizos centrais, zona de urxencias e radioloxía (baixo o concepto de plans directores e outras actuacións) e para a adquisición das melloras tecnolóxicas en equipamentos e aparataxe de diagnose.

COMPARACIÓN CO ESTADO

O dato tamén  é positivo para a Xunta se o comparamos co comportamento que está a ter o Executivo de Zapatero, de feito mentres que o investimento autonómico arroxa cifras positivas, as contas do Estado, afectadas por enormes recortes parecen cebarse coa comarca e caen máis de 43 millóns de euros. O tixeirazo do Goberno central “é maior se temos en conta que o orzamento estatal do 2010 non foi practicamente executado”, xa que a mediados de ano Fomento adiantou o recorte das achegas na autovía do Cantábrico (os treitos da Mariña aínda hoxe están paralizados) e non investiu un só céntimo no treito estatal do corredor, “onde aínda se está á espera de resolver as alegacións sobre o seu trazado definitivo”.

AS CONSELLERÍAS NON ESQUECEN Á MARIÑA

Xa no desglose das partidas orzamentarias da Xunta os populares salientaron que só a Consellería MATI achegará 24,31 M€, dos que unha grande maioría, case a metade, irán destinados ao corredor. Outras actuacións salientables son: o acceso ao Porto de Burela (que recibe 400.000 euros que se dividen en partes iguais entre Infraestruturas e Portos de Galicia), a reforma estrada Lu-862 (Viveiro-Vicedo-límite provincial) que recibirá 5,8 M€, a rehabilitación e mellora Lu-162 (Ferreira-Cangas) con 1,6 M€ ou a dotación de beirarrúas e pavimentado da Lu-152 (O Valadouro-Foz) que terá 757.071 euros de orzamento.

No ámbito das obras de saneamento e abastecemento de auga, a Xunta popular prevé achegar cartos para executar diversas actuacións, na mellora da traída de auga de Foz (1,16 M€), e na construción de diversas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR´s –Alfoz, Lourenzá, Cervo,…) e na reparación do emisario de augas residuais de Viveiro (2 M€) e no dragado do embalse de Lourenzá (case un millón de euros de investimento).

MAR E PORTOS DE GALICIA

Outra das consellerías que máis consignacións efectúa nos orzamentos de 2011 é a do Mar, incluíndo os investimentos previstos por Portos de Galicia. Só o servizo de Gardacostas de Galicia, encargado da protección dos recursos, seguridade no mar e loita contra a contaminación manexará máis de 3,6 M€. Tamén os centros de investigación mariña de Viveiro e Ribadeo con 354.000 euros de investimento directo. Aínda que as partidas máis salientables son as que executará Portos de Galicia. Jose Manuel Balseiro dixo “que á luz dos datos, é máis que claro que o feito de que hoxe Portos de Galicia dependa de Mar, valeu para que multiplicase o seu investimento nos distintos peiraos lucenses”. Así por exemplo Portos de Galicia executará o dragado dos portos de Foz (Porto Chico, dársena interior e entrada), Celeiro e Ribadeo. Tamén investirá na mellora da operatividade nos peiraos interiores de Burela, acometerá o estudo de ampliación do Martillo, e a ampliación do peirao comercial nesta vila. En San Ciprián executará o estudo do proxecto de porto deportivo, en Morás (Xove) investirá nun novo dique de abrigo, no Vicedo se remodelará o pantalán e executará un edificio de servizos e en Viveiro. Ademais do explicado para Celeiro está previsto un estudo para crear un aparcamento soterrado nas instalacións do ente público autonómico.

BENESTAR, EDUCACIÓN E CULTURA

O ámbito do benestar tamén aparece reflectido nos orzamentos da Xunta para A Mariña, así por exemplo se acometerá o estudo para a reforma da Casa do Mar de  O Vicedo (e destinala así a un centro de día), se abrirá a escola infantil de Alfoz e a vivenda comunitaria, se achegarán fondos para o centro de día residencial de San Ciprián e para a residencia de Viveiro. No ámbito educativo salientar os 395.020 euros para a ampliación do IES Gamallo Fierro e do pavillón do colexio de San Ciprián, actuación que no pasado foi recortada polo bipartito.

No ámbito cultural dúas obras destacan, segundo indicou a deputada Emma Álvarez, a recuperación do pazo de Tobar en Lourenzá e da Torre dos Moreno de Ribadeo. Tamén Presidencia achegará case 47 mil euros para as obras do parque de bombeiros de Viveiro, de tal xeito que poida rematarse e procederse á súa apertura na próxima anualidade.

MEDIO RURAL

Medio Rural achegará un investimento directo de 118.904 euros a repartir entre o centro de formación agraria de Ribadeo (incluída a súa reforma), e diversos programas de planificación e ordenación forestal e de valoración, creación e diversificación de masas forestis, todas elas nos concellos de O Vicedo, Viveiro e Ourol. No ámbito da rede Natura, Medio Rural  executará algo máis de 93 mil euros a repartir entre Alfoz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo.

VIVENDA E SOLO INDUSTRIAL INCREMENTAN ORZAMENTO

Finalmente dous departamentos autonómicos como son o Instituto Galego de Vivenda e Solo e Xestur, tamén prevén investir na Mariña. No caso tamén se executarán os proxectos construtivos para vivendas sociais en Trabada, Alfoz e Ourol. O investimento máis destacado no ámbito é o de Trabada onde a Xunta pretende construír 16 novas vivendas sociais.

Pola súa contra Xestur investirá nos polígonos de Viveiro (5,9 M€), Valadouro-Alfoz (3,98 M€), Barreiros (1,34 m€), Foz (2,72 M€), Lourenzá  (1,33 M€) e Cervo (1.32 M€). Contrario ao que quixeron facer crer desde o bipartito tamén crecen as axudas para a rehabilitación de zonas históricas, en Viveiro, Ribadeo, Lourenzá e Mondoñedo, que se repartirán 2,3 millóns de euros, 946.997 máis ca no 2010.

Exit mobile version