Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide que a Xunta inste ao goberno do España a que renuncie a conxelar as pensións contributivas

Nota de Prensa

Pedro Puy destaca que a medida afecta a 480.000 dos 715.000 galegos “que cobran a pensión media máis baixa do Estado” e lembra que o PSOE “non cumpre 10 resolucións no Congreso e 2 no Senado pedindo a supresión” da mesma

O PARLAMENTO APROBA, COS VOTOS EN CONTRA DO PSOE, UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR DIRIXIDA A QUE O GOBERNO DE ZAPATERO RENUNCIE A CONXELAR AS PENSIÓNS

* “Vulnerouse o Pacto de Toledo por decretazo e facendo recaer o recorte do déficit en quen máis o precisa, e non  nos que máis teñen”, afirmou o voceiro de Economía do Grupo Popular, quen defendeu os compromisos asumidos no dito Pacto e o desenvolvemento dun sistema público de pensións “por consenso”, que supere “os grandes retos presentes e futuros”.

* Puy lembrou que o Goberno do PP tivo que pedir un crédito de 500.000 millóns de pesetas para a paga extraordinaria en 1996, cando había “un burato de 800.000 millóns de pesetas”, mentres que hoxe “o Fondo de Reserva supera os 60.000 millóns de euros”, para argumentar que “é posible manter as pensións e garantir a viabilidade do sistema público”.

Santiago, 14 de outubro de 2010.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe, cos votos en contra do PSOE, unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta a demandar ao Goberno de Zapatero que renuncie a conxelar as pensións contributivas. A proposición non de lei insta tamén á Xunta a solicitar que se convoque de xeito urxente a Comisión do Pacto de Toledo, co fin de que se acorden por todos os grupos as reformas que sexan necesarias para garantir a viabilidade e o futuro do sistema de Seguridade Social.

O voceiro de Economía do Grupo Popular, Pedro Puy, destacou na súa intervención que a medida afecta a 480.000 dos 715.000 galegos “que cobran a pensión media máis baixa do Estado” e lembrou que o PSOE “non cumpre 10 resolucións no Congreso e 2 no Senado pedindo a supresión” da conxelación. Igualmente, rexeitou que a UE impuxese esta medida e explicou que esta “supón un aforro de 1.700 millóns de euros, cando o suprimido imposto sobre o Patrimonio supuxo recadar 2.000 millóns en 2008”.

“Vulnerouse o Pacto de Toledo por decretazo e facendo recaer o recorte do déficit en quen máis o precisa, e non  nos que máis teñen”, afirmou o voceiro de Economía do Grupo Popular, quen defendeu os compromisos asumidos no dito Pacto e o desenvolvemento do sistema público de pensións “por consenso”, que supere “os grandes retos presentes e futuros”. Nese sentido, lembrou que en Galicia a taxa de pensionistas sobre o total de cotizantes é xa do 70%.

“É POSIBLE MANTER AS PENSIÓNS”

Puy lembrou que o Goberno do PP tivo que pedir un crédito de 500.000 millóns de pesetas para a paga extraordinaria en 1996, cando había “un burato de 800.000 millóns de pesetas”, mentres que hoxe “o Fondo de Reserva supera os 60.000 millóns de euros”, para argumentar que “é posible manter as pensións e garantir a viabilidade do sistema público”.

Sen embargo, apuntou, o Goberno socialista conxela por decreto practicamente todas as pesións, malia asegurar en Rodiezmo que se suben as pensións máis cativas “sen levalo ao Pacto de Toledo” e “ao final, esta forma de gobernar levar a un resultado: nin talante, xa que non se fai caso ás 12 resolucións das Cortes, nin Rodiezmo”.

Por último, Puy amosou o compromiso do PP co sistema público de pensións, o que, dixo, implica “máis emprego e produtividade como mellor garantía do sistema; deslindar fontes de financiamento; dedicar o superávit ao fondo de reserva e non a modificar as condicións das pensións; crear incentivos para que a idade de xubilación legal coincida coa real; incentivar unha mellor evolución demográfica; adecuar as bases de cotización aos ingresos reais; revisar os mecanismos de bonificación á contratación; e fomentar a cultura de aforro e a previsión”.

Exit mobile version