Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pídelle a Xunta que explique as melloras de modificar a circunvalación de Viveiro

Nota de prensa

O deputado do Grupo Popular no Parlamento de Galicia rexistra unha iniciativa pola que pide á Xunta que explique as melloras de índole ambiental, en seguridade e desconxestión do tráfico viario que traerá consigo o corredor

Balseiro xulga “incomprensible” que Roel se opoña ao novo trazado da circunvalación cando ten  por obxecto acabar cun problema endémico na cidade do Landro: as retencións de tráfico.

* Desde o Partido Popular de Galicia lamentan que cada vez que hai vontade na administración autonómica para impulsar unha infraestrutura que o bipartito mantiña paralizada, atópanse cos obstáculos impostos polo rexedor socialista de quen dubidan teña verdadeiro interese en contar con esta nova infraestrutura viaria.

Viveiro, 2 de outubro de 2010.- O deputado do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, xulga “incomprensible” que o  rexedor socialista de Viveiro, Melchor Roel, se  estea a opoñer ao novo trazado da circunvalación do corredor da costa, cando un dos principais obxectivos  desta modificación é o de rematar cun problema que cualificou de endémico na cidade do Landro: as retencións de tráfico, especialmente significativas en horas punta e durante os meses de verán.

ROEL NON QUERE O CORREDOR

Desde o Partido Popular de Galicia lamentan que cada vez que hai vontade na administración autonómica para impulsar unha infraestrutura –a vía de altas prestacións da costa norte-, atópanse, unha e outra vez, coa esaxerada belixerancia e os obstáculos protagonizados polo rexedor socialista. A devandita circunstancia fai sospeitar aos popular das verdadeiras intencións de Melchor Roel de quen dubidan teña verdadeiro interese en contar con esta nova infraestrutura. “Como no bipartito durante catro anos foron incapaces de levar adiante o corredor ao seu paso por Viveiro, e tiñan freado na práctica os trámites administrativos dos treitos que corresponden a este concello, parece que lle molesta, e que está disposto a  facer todo o  posible por impedir que sexa un Goberno do PP quen faga realidade esta estrada tan demandada”-conclúe Balseiro Orol.

MÚLTIPLES MELLORAS

O deputado popular explica que, co obxecto de coñecer máis polo miúdo as múltiples vantaxes da nova circunvalación do corredor ao seu paso por Viveiro, o PPdeG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia. Nela emprazan á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a que explique as melloras de índole ambiental, en seguridade e desconxestión do tráfico viario que traerá consigo o corredor, fundamentalmente grazas á captación dos vehículos –segundo os cálculos máis de 20.000- que xa non terán que pasar polo centro mesmo da cidade do Landro, nin polas estradas actuais  Lu-540 e Lu-862, empregando o corredor como nova vía alternativa. Os populares tamén se interesan polas melloras técnicas que permitirán reducir o impacto ambiental, acústico e atmosférico e incrementar a seguridade da vía e sinalan que, de coñecerse estas, e cesar as manipulacións que ao respecto das mesmas está a desenvolver a alcaldía, o novo trazado contará co  apoio dos veciños.

Balseiro acolle como propios os argumentos expresados   pola Xunta e subliña que a solución proposta non defire substancialmente do obxectivo contemplado polo anterior Goberno bipartito, xa que na redacción do seu proxecto inicial, elaborada en 2007, xa se establecía a inclusión dun enlace intermedio no treito Landrove-Celeiro e conexión co núcleo de Viveiro. “Se no seu momento xa se prevía esto, era porque na Xunta había unha consciencia de que, ante a oportunidade de facer esta nova vía, o seu trazado debía responder ás necesidades que hoxe existen en materia de comunicacións neste concello e, á vez, solucionar os graves problemas de saturación viaria que hoxe existen”

UNHA OBRA QUE IMPULSA O PP TRAS A PARÁLISE DO BIPARTITO

O deputado popular lembra, finalmente, que a construción do corredor da Costa, como non podía ser menos, ten a súa razón fundamental na dotación dunha moderna vía de comunicación que vertebre os concellos da costa norte das provincias de Lugo e da Coruña. Coa chegada do Partido Popular á responsabilidade de Goberno en Galicia a construción do corredor da Costa experimentou un “notable avance”: Deron inicio por primeira vez as obras no tocante a provincia de Lugo –cun investimento de 30 millóns de euros no treito Celeiro-San Cibrao- e recuperouse o impulso da tramitación administrativa do resto dos treitos de competencia autonómica, que estaban paralizados na práctica polo bipartito

Exit mobile version