Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedras contra o seu propio tellado

O que espera un veciño dos seus representantes políticos e que estean á altura na defensa dos intereses do seu concello e traballen a reo na procura de investimentos e melloras para o seu pobo. De xeito inexplicable, en San Ciprián, parece que algúns deles non teñen aprendida esta lección tan básica. Así se desprende das críticas desproporcionadas e absolutamente fóra de lugar protagonizadas polo Grupo Municipal Socialista en contra  do proxecto de Portos de Galicia, que promove a construción e réplica en tamaño real dunha goleta tradicional que fai tempo existiu no noso pobo.

Como veciños non saímos do noso asombro ao comprobar como en vez de felicitarse porque chegan novos investimentos, aos edís do PSOE parece sentarlles mal que o seu pobo reciba cartos, sexa obxecto dunha boa nova destas características, e pase a formar parte do mapa daquelas privilexiadas vilas nas que veciños e visitantes poden observar o proceso de construción dunha embarcación tradicional e visitala con posterioridade.

Desde a asociación de veciños Cruz da Venta non podemos máis que felicitarnos porque San Ciprián sexa receptor deste tesouro -qué mellor palabra para definilo- Tesouro cultural, polo que significa recuperar e  poñer en valor parte noso pasado máis recente, incluso a goleta levará o nome de San Ciprián. Tesouro turístico polo impulso que neste ámbito suporá dispoñer dun atractivo  destas características. E tesouro tamén polos postos de traballo que garante, evitando a desaparición dunha actividade artesanal como son as carpinterías de ribeira, que merecen todo o noso recoñecemento e protección, se non queremos que rematen por ser unha foto do pasado.

A nosa foi unha vila mariñeira durante moitas décadas e aspira a seguir facendo de cada día, de cada festa, de cada rúa unha homenaxe ao mundo do mar, que noutro tempo tivo a honra ver como navegaban nas súas augas estas goletas. Que a miopía e o apaixonamento  político non impida ver o moito e bo que este proxecto representa. Que non teñamos que volver a presenciar como uns políticos, neste caso os edís socialistas, tiran pedras contra o seu propio tellado.

AA.VV.”CRUZ DA VENTA” – San Ciprian

Exit mobile version