Site icon Crónica3.com A Mariña

Preparan en Cervo un encontro de palilleiras que se celebrará en San Cibrao no mes de abril do ano 2011

Nota de Prensa

DERON COMEZO OS PREPARATIVOS PARA A ORGANIZACIÓN DO VIII ENCONTRO DE PALILLEIRAS

* O evento terá  lugar o vindeiro 2 de abril na vila de San Ciprián e os organizadores pretenden incluír coma novidades actividades paralelas ao encontro coma un desfile de modelos con prendas de encaixe e unha feira-exposición de antigüidades

* O Concello ven de abrir o prazo de inscrición para todos os interesados en participar nos cursos que se desenvolverán a partires do mes que ven en Cervo e San Ciprián para promover esta técnica artesá entre os veciños do municipio

Cervo,  9 de Outubro de 2010.-  A concelleira de Asuntos Sociais e Muller do Concello de Cervo, Pilar Armada, mantivo na terde de onte unha xuntanza cos representantes da asociación “A Sombriza” e coas profesoras María Luz Méndez e Modesta Lombardero para iniciar os traballos preparativos da XVII edición do Encontro de Palilleiras que anualmente se celebra na vila de San Ciprián e que acolle a máis de 800 palilleiras de distintos puntos da xeografía galega e asturiana.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Servizos Sociais, xunto coa asociación “A Sombriza” e estas dúas profesoras artesáns son as encargadas de preparar o programa de actividades deste encontro, que nesta ocasión terá lugar o vindeiro 2 de abril, así coma as actividades complementarias que se desenvolven nel.

Segundo sinalou a edila cervense, entre as novidades nas que están a traballar para a vindeira edición figura a celebración dun desfile de modas con modelos profesionais no que o encaixe será a prenda predominante da roupa que se exhiba. Tamén están a valorar a posibilidade de organizar unha feira-exposición de antigüidades, a cal se complementaría coa feira de produtos relacionados co encaixe que habitualmente se organiza de xeito paralelo ao encontro. “O que pretendemos é ir medrando edición tras edición” salientou Armada, quen recoñeceu que o traballo de organizar un encontro deste tipo “supón unha chea de horas e días adicadas a materializar todas as ideas que temos e que as propies participantes nos aportan”.

Neste senso indicou que, a pesar de que aínda non se abriu oficialmente o prazo para participar, a organización xa conta con persoas de Galicia e Asturias interesadas en acudir a palillar en vivo nesta cita que por cuarto ano consecutivo se desenvolverá no pavillón municipal de Deportes.

CURSOS

A edil cervense anunciou tamén que o vindeiro mes de novembro darán comezo unha serie de cursos nas localidades de Cervo e San Ciprián co obxecto de promover a técnica do tecido do encaixe de palillos entre os veciños do municipio. Os cursos serán impartidos por Modesta Lombardero e a súa duración será de dúas horas á semana durante sete meses. Desenvolveranse os luns en Cervo e os mércores en San Ciprián e serán gratuítos e abertos a toda a xente sen límite de idade nin sexo.

Os interesados en participar nos cursos deberán formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura de san Ciprián en horario de oficina.

Exit mobile version