Site icon Crónica3.com A Mariña

Recuperación do camiño desandado

Nacín un mes máis tarde do previsto. Non quería saír, alí estábase quentiño e fóra amencían os días fríos dun inverno do século pasado. Pobre nai.

E por nacer aos dez meses cambiou a miña carta astral. Sen ningunha dúbida, é diferente un ceo de xaneiro que un de febreiro e iso afecta en grao sumo á conxunción dos astros. Total que a vida, que nun principio me asignaron os deuses a través dos astros, non sería a mesma que aquela que me ía tocar vivir. Vaia faena para unha criatura que aínda non sabe nin falar nin andar.

O Porriño foi o lugar elixido para as miñas primeiras risas e os meus primeiros choros. Os meus pais (que se namoraron falando galego e portugués) regaláronme unha infancia feliz, reboliño ao principio e cun corpo estilizado (que aínda conservo) con posterioridade. Regaláronme cantidades innumerables de contos para me adormentaren. Regaláronme a imaxinación para construír coches con anacos de madeira e chapeus con papel de xornais atrasados. Regaláronme un escudo antimísiles que me protexía de todo o malo. Regaláronme unha lingua marabillosa que nunca utilicei porque na escola Don Tomás, a base de sonoras, frecuentes e dolorosas labazadas, obrigábanos a falar castelán.

Pasaron os anos de cole (catro colexios), de instituto (outros catro): bup , cou, fp de perrucaría, fp de informática (só un par de profesores daban clases en galego) e chegou o momento de pasar ao outro lado da mesa. Chegou o momento de traballar, o momento en que finalizaba a misión de papá e mamá: vinte e tres anos traballando para min (non chegará o resto da vida para agradecerllo e iso que eles son felices con nada).

Traballar no ensino levoume por Bueu, Becerreá, Pontevedra, O Porriño, Monforte, Vigo, O Barco e hai dous anos tróuxome a Burela. E Burela converteuse no lugar onde por primeira vez falei por iniciativa propia, aínda que mal, a lingua de mamá, papá e de tanta xente que quere a súa terra. Cústame falar galego -a cabeza vaise rapidamente ao castelán (a pedagoxía Tomasiana ten esa efectividade)-, mais o Modelo Burela acabará devolvéndome a lingua que nunca ninguén debeu permitir que perdésemos. Esperemos que Modelo Feijoo non me obrigue a falar inglés.

Luís Manuel Ramilo Machado

Exit mobile version