Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Medio Ambiente de Burela di que o goberno traballa para ter o pobo o máis limpo posible

Nota de prensa

LUCÍA BOUZA ASEGURA QUE O EQUIPO DE GOBERNO TRABALLA PARA TER O POBO O MÁIS LIMPO POSIBLE E LÉMBRALLE AO PP QUE NESTES ANOS SE INCREMENTARON AS MEDIDAS PARA A RECICLAXE DE TODO TIPO DE RESIDUOS EN BURELA.

Burela, 10 de novembro de 2010. A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza, asegura que o equipo de goberno traballa para ter o pobo o máis limpo posible e lémbralles aos populares que nestes anos se incrementaron as medidas para a reciclaxe de todo tipo de residuos e que o Concello conseguiu por primeira vez a bandeira verde con cinco estrelas en recoñecemento á limpeza, á sostenibilidade e ao respecto ao medio ambiente.

A edil socialista resposta ás críticas verquidas desde o PP sobre a limpeza na zona de O Campón e sinala que “desde este goberno municipal estamos a traballar, desde o primeiro día en manter todo o pobo en xeral o máis limpo que podemos, ao tempo que incrementamos e facilitamos medidas para reciclar todo tipo de residuos. Quero recordar aquí que, entre outras medidas neste sentido, puxemos contenedores para a reciclaxe de aceite vexetal usado, establecimos a gratuidade do punto limpo e uns días para a recollida a domicilio, tamén gratuíta, de todo tipo de residuos voluminosos que se poidan xenerar no fogar”.

Bouza amósase “de acordo, en que, en momentos puntuais, aparece algún tipo de residuo ou de suciedade nalgún punto do pobo e que adoitamos solucionar os problemas que poidan aparecer neste sentido coa maior celeridade posible. O PP debería saber xa, que por algo gobernou no noso pobo durante moitos anos, que ás veces non todo o mundo é o responsable e solidario que debera e que hai cousas que son imposibles de controlar”.

A concelleira de Medio Ambiente referíuse tamén ás queixas que hai sobre os excrementos dos cans, “é verdade que hai zonas nas que abundan especialmente, non o vou negar, mais nós estamos a traballar para que esta costume tan desagradable de non recoller os excrementos que moita xente ten adquirida desapareza, e facémolo con campañas (como por exemplo a charla realizada por veterinarios que tivo lugar en setembro, durante a Semana Europea da Mobilidade) ou entregando na oficina de Medio Ambiente a todo aquel que o queira, os mesmos utensilios para recoller excrementos que xa herdamos do goberno do PP. Debe ser que este problema non é unha novidade do goberno actual. Con respecto ao tema dos cans, dicir tamén que nas súas queixas falan dunha concelleira do PSOE que sae á rúa co seu can sen a correspondente bolsa. Esa concelleira son eu mesma e utilízanme neste caso como exemplo de mala práxis sen argumento algún e, por suposto, mentindo xa que ata o día de hoxe non deixei aínda ningún excremento da miña cadela sen recoller, nin teño pensado facelo”.

Lucía Bouza considera que “con isto vese que o PP está bastante nervioso e que xa non sabe nin qué dicir para desgastar a este goberno municipal, aínda que sexa mentira, como neste caso. O pobo de Burela non debe estar tan sucio como o PP afirma cando neste ano 2010 conseguimos por primeira vez unha condecoración que ningún outro concello de Galicia tén, que é a bandeira verde con todas as estrelas posibles, é dicir, cinco. Pois ben, este galardón téñeno moi poucos concellos de España e ningún outro de Galicia e agasalla ao noso pobo cun alto recoñecemento para a limpeza, a sostenibilidade e o respecto ao medio ambiente en xeral. Esto significa que non o debemos estar facendo tan mal como o PP afirma”.

Exit mobile version