Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo tratará en pleno a expropiación dun terreo e ampliar o convenio de recadación coa Deputación

Nota de prensa:
A CORPORACIÓN CERVENSE ABORDARÁ NO PLENO DO VINDEIRO XOVES A EXPROPIACIÓN DUN TERREO NO LUGAR DE TELLADO, NECESARIO PARA REMATAR A REDE DE SANEAMENTO NO NÚCLEO DE ESPIÑEIRIDO

*

O trámite persegue dar conexión “canto antes” ás zonas deste núcleo que aínda carecen deste servizo básico

*

No pleno tamén se debaterá a proposta da alcaldía de ampliar o convenio co sistema de recadación da Deputación provincial para a xestión dos cobros de determinados impostos municipais

*

Tamén se modificará o regulamento municipal do servizo de axudas no fogar para adaptalo á orden da Xunta de Galicia que regula este servizo en Galicia

Cervo, 22 de novembro de 2010.- Hoxe tivo lugar no Concello de Cervo unha reunión da Comisión informativa de Asuntos do Pleno na que se deron a coñecer aos distintos grupos municipais os temas que conformarán a sesión plenaria municipal que vai ter lugar o vindeiro xoves, día 26.

Entre os asuntos que se debaterán no pleno figura a expropiación dunha franxa de terreo duns 35 metros lineais no lugar de Tellado, necesarios para rematar as obras de construción da rede de saneamento no núcleo de Espiñeirido.

Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, trátase de conectar un tramo que quedou pendente de facer debido á negativa dun veciño que se opuxo ao trazado do saneamento argumentando que invadía a súa propiedade “e iso a pesares de que o resto dos veciños da zona aseguran que aí sempre houbo un camiño público dende que teñen uso de razón” recalcou o rexedor. “Por este motivo -continuou Villares- vémonos obrigados a facer unha modificación do proxecto inicial e, polo tanto, levar adiante unha expropiación dun terreo distinto a onde actualmente temos o conflito de propiedade”.

O rexedor sinalou que con esta expropiación se pretende dar conexión “canto antes” a esta zona para poder evitar deste xeito os posibles verquidos incontrolados que se puideran producir.

CONVENIO

No pleno do xoves tamén se debaterá a proposta da alcaldía de renovar e ampliar o convenio co sistema de recadación da Deputación provincial para a xestión dos cobros de determinados impostos municipais. O convenio vixente ata o de agora entre estas dúas administracións abarcaba o cobro por parte da Deputación do imposto municipal de vehículos en período voluntario e a xestión por vía executiva do resto dos cobros dos impostos municipais. O novo convenio pretende ademais ampliar esta xestión aos cobros en período voluntario dos impostos de bens inmobles (IBI) e de actividades económicas (IAE).

REGULAMENTO AXUDAS NO FOGAR

Outro tema que se tratará na vindeira sesión plenaria é a modificación do regulamento municipal do servizo de axudas no fogar para adaptalo á orden da Xunta de Galicia que regula este servizo en Galicia

Exit mobile version