Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada provincial da Xunta estivo na Mariña valorando os investimentos na bisbarra

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS COMUNICA QUE A XUNTA LEVA EXECUTADOS NA MARIÑA PROXECTOS POR MÁIS DE 120 MILLÓNS DE EUROS NO QUE VAI DE ANO

* Durante a comisión territorial, organizada en Alfoz, valoráronse os investimentos territorializados así como a marcha de programas de carácter global ou de iniciativas como o ImpulsaLugo
* O Igape aprobou axudas para 231 proxectos empresariais nesta área, que facilitaron de xeito global o mantemento ou a creación de 650 empregos só no presente exercicio
* A delegada territorial destacou o ritmo imprimido á VAC da Costa, na que só en obra realizada investíronse ata estas alturas do 2010 a redor de 5 millóns de euros e que xa se atopa en execución ou en expropiación máis dun 40% do trazado

Alfoz, 19 de novembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e os xefes territoriais das distintas consellerías mantiveron hoxe unha sesión de traballo na Mariña, na que valoraron algunhas das principais actuacións desenvolvidas polo goberno autonómico nesta área durante o 2010, actuacións que superan os 120 millóns de investimentos.

En capítulo aparte contabilízanse programas de ámbito global non territorializados así como as solicitudes de axuda recibidas polo Igape ao abeiro do ImpulsaLugo, que alcanzan os 231 expedientes aprobados.

A delegada territorial quixo destacar o ritmo imprimido a infraestruturas básicas para o desenvolvemento da zona, como a VAC da Costa, na que só en obra realizada investíronse ata o momento a redor de 5 millóns de euros, e que xa se atopa en proceso de execución ou expropiación nunha porcentaxe do 40%.

No eido das infraestruturas desenvólvense importantes proxectos na Mariña, como a estación depuradora de Ribadeo, as obras de abastecemento en Foz, a construción da EDAR e as obras de abastecemento a Cervo e Burela -de inminente finalización-, a construción do parque empresarial de Landrove, en Viveiro (2,5 millóns de euros investidos na presente anualidade), ou a rehabilitación de edificios para a construción de vivendas en Viveiro e Lourenzá, por importe global de máis de 500 mil euros.

Ao respecto, cabe sinalar o importante esforzo que se está a realizar a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cun investimento de máis de 6,2 millóns de euros na Mariña, entre os que destacan a entrega de 15 vivendas de promoción pública en Cervo e 30 no Valadouro, así como o inicio do procedemento de adxudicación dun grupo doutras 30 vivendas en Ribadeo.

Resultará de especial trascendencia para o futuro de Barreiros o convenio de colaboración asinado entre a Xunta, a Deputación e o concello para desbloquear os problemas urbanísticos do municipio, ao que a administración autonómica achegará nos vindeiros meses 5,6 millóns de euros.

A partir do mes de xuño executáronse obras extraordinarias para facer fronte aos danos producidos polas inundacións. Ao marxe das distintas liñas de axudas establecidas para particulares e empresarios, a Xunta leva investido máis de 2,7 millón de euros en accións directas de arranxo de infraestruturas.

Infraestruturas portuarias

A Consellería do Mar inviste 44,6 millóns de euros no litoral lucense, con especial incidencia na mellora das dotacións portuarias de Burela e Ribadeo. Neste último concello foron obxecto de reformas o porto deportivo e o peirao comercial, por un valor conxunto de 3,1 millón de euros.

En Burela executouse este ano a ampliación do porto comercial, e estase a rematar a mellora e ampliación dos accesos á nova lonxa.

Mar non só inviste en infraestruturas, senón que desprega numerosas liñas de axudas ao sector, para a mellora das embarcacións, asistencia técnica e mesmo seguridade. Grazas a estas axudas, todas as cofradías dispoñen de vixiantes para a loita contra o furtivismo, e aquelas que o solicitaron dispoñen tamén do asesoramento de biólogos.

Atendeuse tamén unha vella demanda das cofradías, e do sector da pesca en xeral, ao ampliar o servizo de salvamento, que agora está operativo as 24 horas todos os días do ano.

2010 foi tamén un ano decisivo para o despegue do Camiño Norte, que se consolidou como unha das rutas preferidas polos peregrinos. Segundo datos da oficina do peregrino, ata o 1 de outubro transitaran por esta vía 15.271 camiñantes, o que supón un incremento amplamente superior ao 100% con respecto aos 6.897 que elixiron esta alternativa no anterior ano Xacobeo 2004.

A Xunta desenvolveu proxectos de acondicionamento do Camiño Norte, habilitou albergues temporais en Ribadeo e Barreiros, e programou medio centenar de actos culturais e lúdicos para acentuar os atractivos desta ruta.

A Conselleria investiu máis de 700 mil euros na conservación do Patrimonio e 680 mil euros en axudas a empresas turísticas da Mariña. Ademais, cabe subliñar a achega de 36.000 eursos para o Padroado de Sargadelos.

Investimentos sociais

A comarca da Mariña non é allea ao esforzo orzamentario que a Xunta está a realizar en materia social. As axudas aboadas ao abeiro da Lei de Dependencia superan os 3,7 millóns de euros, que sumadas aos investimentos do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, o plan concertado e outras liñas de axudas, elevan a máis de 15 millóns de euros a contía das prestacións.

Na área de Traballo investíronse preto de 3 millóns en accións de formación profesional ocupacional, dirixidas preferentemente a traballadores desempregados, e de orientación. Así mesmo, destináronse outros 5,1 millóns de euros ás medidas de fomento do emprego, entre as que se contan os obradoiros de emprego de Mondoñedo, Foz, Xove, O Vicedo, Lourenzá, Ourol e Cervo; A partir de decembro comezará a funcionar o obradoiro de emprego Río Ouro IV na mancomunidade de municipios Río Ouro (Alfoz e O Valadouro).

Ademais, nesta área habilitáronse novos locais para as oficinas de emprego de Ribadeo e Mondoñedo, por un montante de preto de 1 millón de euros.

Medio Rural realiza unha boa parte da súa contribución a través do Fondo Galego de Garantía Agraria, que destina aos concellos mariñaos 4,1 millóns de euros, así como a través das obras do Plan estratéxico de infraestruturas do medio rural (Peim), que se desenvolve en todos os concellos e que este ano executou actuacións por importe de 1,5 millóns de euros.

Os investimentos en montes acadaron a contía de 1,2 millóns de euros; así mesmo, en materia de incendios investíronse 920.000 euros, e en actuacións de conservación da natureza 480.000 euros. Para a mellora de explotacións agrarias destináronse 870.000 euros, e para a mellora de industrias agroalimentarias 780.000 euros.

A Consellería de Educación acometeu obras por valor de 1,1 millón de euros nos centros educativos da Mariña. Ademais, entre este e o vindeiro exercicio orzamentario destinaranse 1,8 millóns de euros ao novo instituto de Ribadeo. Esta será ademais a primeira localidade en contar cun centro integrado de formación profesional, o Porta da Auga.

O proxecto Abalar incorporou xa os ordenadores nas aulas do instituto María Sarmiento de Viveiro, e ao longo deste curso iranse introducindo progresivamente noutros nove centros da comarca –en total, 9 públicos e 1 concertado-.

Industria destinou ao comercio e a artesanía 744.600 euros, distribuídos en axudas para a reforma dos equipamentos comerciais, os centros comerciais urbanos, e a mellora de establecementos comerciais e obradoiros artesáns.

Axudas Igape

O plan ImpulsaLugo supuxo un incentivo para a economía provincial que repercutiu notablemente no número de solicitudes para abordar proxectos empresariais. Así, o Igape aprobou xa 231 expedientes, 185 concedendo subvención –por importe conxunto de 2.142.093 euros- e 46 outorgando avais e préstamos.

Por comarcas, na Mariña central aprobáronse 88 solicitudes, que suman unha contía global de 450.858 euros en subvencións e avais concedidos por valor de 740.625 euros.

Na Mariña oriental aprobáronse 54 expedientes, que supoñen 307.627 euros en subvencións e 169.837 euros en avais concedidos. Por último, na comarca da Mariña occidental están aprobados 82 expedientes, que significan 1.383.608 euros en subvencións e 1.170.875 euros en avais concedidos.

En total, as axudas do Igape axudan a crear preto de medio centenar de empregos, e a manter arredor de 600 postos de traballo, aos que cabe sumar os preto de 110 empregos que se garanten en Sargadelos despois do acordo anunciado onte pola Consellería de Economía e Industria.

A Consellería de Presidencia investiu nos parques de bombeiros de Viveiro e Barreiros

arredor de 1,8 milóns de euros, con fin de rematar as infraestruturas necesarias para a súa próxima posta en marcha.

Igualmente, mediante o fondo de compensación ambiental, Presidencia financia proxectos por valor case 1 millón de euros, destinados á conservación e restauración do medio ambiente.

A Secretaría Xeral para o Deporte ven de investir 1,3 millóns de euros nas comarcas da Mariña para infraestructuras e equipamentos deportivos, destacando os case 600.000 euros adicados ao campo de fútbol da Marosa, en Burela.

O investimento total en Sanidade ascende a máis de 700 mil euros nas tres comarcas da Mariña. Destacan as actuacións de mellora na área de urxencias do Hospital de Burela, e a remodelación do servizo de radioloxía, do laboratorio, e do servizo de admisión.

Igualmente, realizáronse melloras nas dotacions e equipamentos dos centros de saúde dos 15 concellos mariñáns.

Exit mobile version