Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adianta a entrada en vigor do Orzamento de 2011 para axudar aos concellos

Nota de prensa:
A Deputación adianta a entrada en vigor do Orzamento de 2011 para axudar aos concellos
– O Presidente anuncia que a Xunta de Goberno deste venres adxudicará as derradeiras obras do Plan Extraordinario de Obra Pública
– Gómez Besteiro denuncia a incompetencia da Xunta de Galicia “porque antes viña un Conselleiro para dar cartos pero agora vén e chos quita”
– O Presuposto, que supera os 92 M€, está caracterizado por un adelgazamento grazas ó cumprimento das débedas históricas como as transferencias hospitalarias, e polo aumento da cooperación cos municipios
– O equipo de goberno denuncia que a política de prezos da Lei de Augas suporá nalgúns casos incrementos do 140% respecto do prezo actual

O Pleno da Deputación aprobou este martes, a pesar dos votos en contra do Partido Popular, o Orzamento consolidado de 2011 que ascende, nivelado en gastos e ingresos, a 92.112.201 euros. O actual equipo de goberno fixo un esforzo por adiantar un mes a aprobación do Presuposto con respecto á data tradicional debido ó problema de liquidez que teñen os Concellos. Precisamente, manter o máximo nivel de prestación de servizos ós municipios é unha das principais características das contas.

O Presuposto adelgaza 32 millóns de euros con respecto ó da anualidade anterior debido ó cumprimento das débedas históricas como a transferencia dos hospitais ó SERGAS que conleva 20 millóns de euros menos. No caso do INLUDES, a redución é de 14 a 10,5, porque as anualidades para os programas europeos de administración electrónica e creación de emprego están a pleno rendemento, polo que a anualidade que resta para 2011 é moito menor. Asimesmo, o de SUPLUSA rondará os 7 millóns, porque este ano xa ten a dotación económica, 12 millóns de euros, para o programa de residencias e centros de día para a terceira idade. O Presuposto ten tres características:

1.- É o Orzamento do cumprimento, “xa que as débedas históricas xa non lastran unha enorme porcentaxe dos nosos presupostos”, como era o caso do pago do canon hidroeléctrico a 15 Concellos, a creación de parques de bombeiros ou da UNED en Lugo. A este respecto, no debate presupostario o Presidente subliñou que “se en 24 anos o PP só e capaz de lembrar que fixo a Facultade de Veterinaria, mal imos”. Neste senso, engadiu: “vostedes son a peor oposición de historia da Deputación”.

2.- É o primeiro Presuposto que acada na estabilidade presupostaria na súa aprobación, respectando o Plan Económico Financieiro marcado pola Deputación en 2008. “Esta estabilidade é un éxito compartido por todos”, afirmou Gómez Besteiro.

3.- É o Orzamento da máxima cooperación. “A Deputación está vivindo unha situación en parangón debido a que o goberno autonómico escúdase na falsa austeridade para pasarlle a factura ós veciños ou ós Concellos. A Xunta de Galicia nin está nin se espera. Antes viña un Conselleiro para dar cartos, pero agora vén e chos quita”.

O vindeiro ano, o equipo de goberno realizará unha importante redución en materia de gastos. Neste senso, este capítulo diminúe en 3.174.353,41 €, o que representa un 18,44% respecto do ano anterior. “Hoxe todo se fiscaliza pero nós non imos facer o traballo da oposición. O PP ten máis ferramentas a súa disposición das que tiñamos nós cando estivemos no seu lugar”.

Sobre os capítulos 6 e 7, que son Investimentos, suman 21,5 millóns de euros. “Precisamente, este venres adxudicaremos na Xunta de Goberno as derradeiras obras do Plan Extraordinario en Palas de Rei e Ribeira de Piquín”. Na área de Órganos de Goberno, diminúen todas as partidas, debido fundamentalmente á redución do 5% nas retribucións, incluídas as de políticos coma soldos que se manteñen conxelados dende 2009. No apartado de gastos de persoal a variación é moi significativa: baixa en 10.100.499,39 €, un 33,08% respecto ó ano anterior.

Con respecto á execución, o Presidente solicitou un listado a Intervención a data de hoxe, que sinala que o Orzamento comprometido, é dicir, adxudicado é de 73,98%, e entregoulle unha copia ó grupo do Partido Popular.

“Unha situación económica saneada”
Grazas ó cumprimento das débedas históricas, en 2011 a Deputación necesita endebedarse menos. De 25 millóns en 2010 pasa a 5 millóns este ano, menos do nivel máximo do 75% que prevé o borrador da Lei de Presupostos do Estado. Gómez Besteiro destacou que “agora a Deputación ten unha situación económica saneada”, e correxiu ó Partido Popular, xa que a cifra exacta de débeda de todo o mandato é de 48 millóns de euros. “Foi para investimentos non para gastos. Permitiunos executar actuacións que doutro xeito non poderiamos acometer. Que diga o PP que deixamos sen facer? Porque con esta débeda empregamos 12 millóns para a construción de residencias da 3ª idade onde a Xunta non chega; 6 para polígonos industriais onde a Xunta tampouco chega; 30 para o Plan Extraordinario de Obra Pública que mantén miles de postos de traballo nesta provincia mentres que a Xunta provocou a maior caída de obra pública dos últimos anos; 3 para parques de bombeiros, incluído o de Barreiros –que vostedes querian facer sen auga-; uns parques que vostedes cualificaban de marroncito; 11 para pagar a débeda do canon hidroeléctrico que vostedes deixaron a 15 Concellos… de qué préstamos prescindimos, sr Barreiro?”.

Asimesmo, o máximo mandatario provincial lembrou que ata os convenios que deixou asinados o Partido Popular antes de marcharse “tivémolos que financiar con cargo ós préstamos porque non deixaron nin financiamento para eles”.

O Presidente rematou comparando a débeda co último ano do PP, xa que “co crédito de 50 millóns que vostedes querían sumar ós créditos que xa tiñan, o nivel de endebedamento acadaría 138,82%, é dicir, máis do 110% legal naquel momento e poñendo en risco a situación financeira desta institución”. Ademais, devolveulle a pregunta ó voceiro deste Partido, que previamente sumou o Orzamento dos 4 anos de mandato actual, para preguntar en que fora gastado. Neste senso, Gómez Besteiro engadiu: “que fixeron vostedes con mil seiscentos dezanove millóns cento cincuenta e sete mil oitocentos noventa e sete euros, que foi Orzamento de 24 anos de mandato?.

Lei de Augas
O equipo de goberno acordou, cos votos en contra do PP, instar á Xunta de Galicia a que a política de prezos estipulado pola Lei de Augas de Galicia se axuste ó que din as directivas comunitarias, xa que a aparición do novo canon suporá nalgúns casos incrementos do 140% respecto do prezo actual, así como que antes de subirlle a auga ós cidadáns se faga un profundo estudo no que se teña en conta a súa demanda en todos os seus usos. Asimesmo, esíxelle ó goberno autonómico a que se faga unha política de prezos, aplicando principios de progresividade e de equidade; que se recoñeza o traballo feito polas traídas veciñais dende a década dos 60; e que se faga o necesario para evitar a duplicidade na recuperación de custos e que os cidadáns paguen os mesmos impostos se están baixo a competencia da conca hidrográfica, dependente da Xunta, como nalgunha das concas intercomunitarias, que son competencia do Estado. Asimesmo, na proposta do equipo de goberno tamén se lle pide á Xunta que os cidadáns participen na política de prezos e que os gobernos locais non sexan utilizados como meros instrumentos recadadores.

Ordenanza pago telématico e pasamento de Fernández del Riego
A Corporación tamén aprobou por unanimidade a ordenanza que regulará o pago telemático a través de Internet dos tributos ou taxas públicas, e que facilitará o pago ós 62 Concellos que teñen delegado a recadación de tributos na Deputación. Co novo procedemento mellorarase o servizo ofrecido ata o de agora ós cidadáns e ás empresas, conseguindo que os contribuintes non teñan que desprazarse á Deputación para efectuar o pago dos seus tributos, afórrandolles tempo e cartos. Asimesmo, deuse o visto e prace á unha segunda ordenanza que, neste caso, regula o Boletín Oficial da Provincia, que permitirá que este comece a editar a partir de xaneiro en formato electrónico, podendo consultarse a través de Internet.

Ante o recente falecemento do insigne lucense, Francisco Fernández del Riego, o Pleno aprobou a proposta da Presidencia na que se acorda trasladar ós seus familiares as condolencias polo pasamento do ex presidente da Real Academia Galega; unha figura que contribuiu de forma decisiva á transformación e evolución da Galicia actual.

Exit mobile version