Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación e o concello de Riotorto asinaron un convenio para recuperar a tradición ferreira

Nota de prensa:
A DEPUTACIÓN DE LUGO E O CONCELLO DE RIOTORTO ASINARON O CONVENIO QUE RECUPERARÁ A TRADICIÓN FERREIRA

A Área de Cultura aportará 190.000 euros a este ambicioso programa, que estudará e recuperará os elementos deste patrimonio cultural e poñerá en valor o a tradición, dándolle difusión e divulgación

RIOTORTO, 22 de novembro de 2010. O alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez, asinou o convenio mediante o cal a Área de Cultura aportará ao concello 190.000 euros para poñer en marcha o programa que ten o obxectivo de dinamizar, recuperar e poñer en valor todo patrimonio material e inmaterial relacionado coa tradición ferreira. O programa, denominado “Plan do Ferro 2010/2011”, estudará e recuperará os elementos propios deste oficio e contribuirá ademais a darlle difusión e divulgación.

Antonio Veiga, que acompañou ao alcalde na sinatura do convenio, explicou que “este é un plan ambicioso que pretende, nunha primeira actuación, estudar e recuperar todos os elementos do patrimonio cultural, materiais e inmateriais, que compoñen o proceso de transformación do metal en ferramentas e útiles de corte”. Isto lograrase grazas ás persoas que aínda conservan o oficio de ferreiro en Riotorto e, unha vez realizado este traballo, poñerase en valor o recollido e daráselle a maior difusión e divulgación a nivel de todo o país, para dar a coñecer así este histórico traballo.

Deste xeito e como explicou Antonio Veiga, “ponse en valor o oficio de ferreiro, recupérase o patrimonio material e inmaterial relacionado con este oficio como parte importante da historia de Riotorto e dos galegos e galegas”. Por outra banda, sinalou o delegado de Cultura que “consideramos que os concellos pequenos con poboación rural e avellentada como é o caso de Riotorto, necesitan tanto ou máis que calquera outro destas iniciativas, que os dinamizan economicamente á vez que poñen en valor o seu acervo cultural”.

Exit mobile version