Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación impulsa en internet “a tenda das tendas de Lugo” con con 20 empresas da provincia

Nota de prensa

A Deputación pon en marcha o 1º centro comercial

virtual para as empresas da provincia

– A Comisión Executiva do INLUDES aprobará a iniciativa, dotada con 630.323 euros e totalmente gratuita, que conseguirá que autónomos e PEMES acaden un maior beneficio dos seus negocios

– Gómez Besteiro destaca que “será a tenda das tendas de Lugo, o centro comercial aberto as 24 horas do día e os 354 días do ano”

– Na fase inicial da plataforma, participarán 20 empresas piloto de todos os sectores, que poderán ofrecer ata 10 produtos e servizos cada unha

– Paralelamente, crearase o primeiro Observatorio da Sociedade da Información de Lugo para obter datos fiables da evolución das tecnoloxías na provincia, calibrando o investimento onde sexa máis necesario

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este martes o novo concurso, que aprobará mañá a Comisión Executiva do INLUDES, dotado con 630.323 euros e destinado a poñer en marcha unha plataforma de comercio electrónico que permitirá ás empresas da provincia a venda dos seus produtos a través de Internet, conseguindo unha maior proxección local, nacional e internacional. Gómez Besteiro subliñou que “queremos pegar un salto no campo das novas tecnoloxías na administración, pero non queremos deixar de perder outras actuacións en relación cos autónomos e coas empresas. Este espazo será o primeiro centro comercial virtual da provincia, onde terán capacidade todas as PEMES luguesas. En definitiva, poñemos a disposición delas, totalmente gratis, un novo canal de venda a través da Rede co fin de aumentar o comercio e a distribución das mesmas. Só poñeremos unha condición: que sexan da provincia. É unha idea novidosa e que vai ser moi ben acollida”.

Esta iniciativa, que se inclúe dentro do programa Innova-TE, co-financiado nun 70% pola Unión Europea, terá un prazo de execución de 6 meses. Na fase inicial da plataforma, participarán a 20 empresas piloto de todos os sectores. Poderán ofrecer ata 10 produtos, polo que o sistema arrancará cunha oferta inicial de 200. Superada esta fase, a plataforma non terá límite, polo que progresivamente continuará aumentando a oferta.

En España hai máis de 9 millóns de internautas que mercan a través da Rede. Un caso recente, é a plataforma on line de Zara. Segundo o Observatorio da Sociedade da Información de Galicia, as empresas da provincia son as que menos presenza teñen en Internet de toda a Comunidade. Tan só un 5,7% vende os seus produtos a través deste sistema. A continuación, estarían Ourense cun 8,5%, Pontevedra cun 8,7% e, finalmente, Coruña cun 11%.

Nembargantes, existen casos moi destacados como “bicicletasguillermo.com”, unha empresa monfortina que factura o 70% das vendas a través deste sistema. O titular provincial destacou que “a plataforma de comercio electrónico será a tenda das tendas de Lugo. Favorece as canles de distribución e a identificación do comercio lucense de cara ó exterior. Será un centro comercial aberto as 24 horas do día e os 354 días do ano”.

Esta iniciativa súmase a outras impulsadas polo organismo provincial para potenciar o comercio da provincia. Neste senso, o máximo mandatario provincial tamén lembrou que a Deputación está a ultimar a posta en marcha da ventá agroalimentaria do programa Lug02. É un centro de encontro entre produtores agroalimentarios das Reservas da Biosfera e consumidores.

Importantes beneficios para as empresas

Tal e como subliñou o Presidente, a iniciativa suporá importantes beneficios para as empresas da provincia e, para que o aforro sexa maior, xestionarase dende o Centro de Procesamento de Datos, que foi instalado recentemente ó abeiro do programa tecnolóxico Innova-TE. Neste senso, a plataforma presenta as seguintes vantaxas:

1. Proveerá dunha plataforma de comercio electrónico totalmente gratis ás PEMES da provincia onde podan anunciarse, vender e distribuir a novos mercados, incrementando os seus beneficios.
2. Permitir a realización de operacións de pago electrónico e facturación electrónica propias desta tendas.
3. Incrementar a autonomía das empresas na xestión dos seus catálogos de produtos.
4. Ofrecer por vez primeira unha imaxe de marca de Produtos de Lugo, independentemente do proveedor que os ofreza.
5. Aforrar tempo e cartos as persoas que mercan no primeiro “centro comercial” on line da provincia de Lugo.

Observatorio da Sociedade da Información

Dentro desta iniciativa e de xeito paralelo, o organismo provincial tamén creará o primeiro Observatorio da Sociedade da Información da provincia de Lugo. Gómez Besteiro explicou que “baixo a premisa de que o que non se mide, non se pode mellorar”, esta iniciativa ofrecerá datos fiables da evolución do uso das novas tecnoloxías na provincia, calibrando os investimentos alí onde realmente se necesiten.

As empresas que queiran ter máis información sobre estas dúas iniciativas poderán chamar ó número de teléfono do Innova-TE: 982 26 00 77 ou a través do enderezo electrónico: ecomercioinnovate@deputacionlugo.org.

Exit mobile version