Site icon Crónica3.com A Mariña

A “Pataca Naranxa” acompañará o Burela FS na visita a Navarra o 20 de novembro

Nota de prensa:
A PATACA NARANXA ACOMPAÑARÁ O BURELA FS NA VISITA A NAVARRA (20 DE NOVEMBRO)

O Burela FS estará arroupado por un anaquiño de Vista Alegre nun dos seus desprazamentos máis difíciles da tempada. A peña local A Pataca Naranxa acompañará o equipo na visita ao OPDE Ribera Navarra, o sábado 20 de novembro.

Os socios da peña poderán gozar desta viaxe por 40 €, no que se incluirá desprazamento, aloxamento, almorzo e comida do domingo e entrada para o encontro. O prazo de inscrición remata o venres 12. Todas as persoas interesadas deberán facer o ingreso na conta da peña en Caixa Galicia (2091-0109-89-3040023173), indicando nome e apelidos.

Tras sete tempadas de vida, A Pataca Naranxa é unha das peñas máis activas e numerosas do CD Burela FS. “A Pataca ten agora mesmo 276 socios, 40 máis que en 2009-10” dixo o seu presidente, Juan Izquierdo, que agradece a implicación e devoción dos afeccionados burelistas: “A resposta dos socios é marabillosa. Dende a directiva organizamos as actividades encantados, porque a inmensa maioría dos socios o saben valorar; colaboran e involúcranse en todo o que propoñemos” confesou.

“Nesta tempada manteremos os xa tradicionais trofeos para o Mellor Xogador, Máximo Goleador e Xogador Máis Valorado, de final de liga, e continuaremos coas reunións gastronómicas de socios previas a moitos dos encontros en Vista Alegre; outra das actividades nas que volveremos participar será na recollida de xoguetes para o Nadal en colaboración coa Cruz Vermella”, explicou Juan Izquierdo, que destaca ademais, entre as novidades da tempada, “os sorteos gratuítos de camisetas de xogadores, coincidindo cos encontros na bomboneira, e a preparación dun amigable entre socios da peña, A Pataca Naranxa Burela versus A Pataca Naranxa A Coruña”. Con respecto ao apoio lonxe da casa, o pataqueiro sinala que “haberá máis viaxes pero teremos que esperar á segunda volta; oxalá poidamos acompañar o equipo nun novo play off”.

Coa mirada posta na visita do Zamora, este sábado, A Pataca Naranxa xa comezará a festa nun xantar de confraternidade, na Parrillada de Jandro, para ir afinando voces e música. “É un encontro con moitos alicientes tanto para a afección coma para os xogadores” asegurou Juan Izquierdo, que destacou a relevancia da vitoria en Vista Alegre: “Somos conscientes da importancia destes tres puntos, tendo en conta que despois hai dúas saídas complicadísimas, a Puertollano e Navarra, ademais da xornada de descanso”.

Exit mobile version