Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación A Sombriza se San Cibrao organiza charlas formativas sobre xestión de asociacións

Nota de prensa:
A asociación cultural A Sombriza convida ao resto do tecido asociativo da provincia de Lugo a participar nestas charlas gratuítas e de tres horas de duración para orientar e resolver as principais dúbidas e dificultades de xestión deste tipo de entidades

Aberto o prazo de inscrición nas xornadas formativas sobre xestión de asociacións

• Xurde co obxectivo de facilitar aos responsables das asociacións levar as contas, os libros de socios e actas e papeis en xeral que é a principal rémora á hora de crear unha asociación ou de involucrarse máis activamente nela.

• A actividade terá lugar o sábado 8 de xaneiro, de 10 a 13 horas na Casa da Cultura de San Ciprián e os interesados poden inscribirse a través do correo asombriza@yahoo.es

• A Sombriza serve de anfitrioa destas xornadas organizadas pola Federación de Xuventude de Galicia, da que forma parte.

Cervo, 30 de novembro de 2010.- As dificultades máis cotiás coas que se enfronta alguén que xestiona unha asociación, sexa do tipo que sexa (cultural, deportiva, xuvenil,…) son o acceso ao financiamento suplementario ás cotas dos seus socios e a xestión administrativa diaria. Para dar solución a este segundo problema o vindeiro mes de xaneiro terá lugar en San Ciprián unha xornada formativa á que está convidado todo o tecido asociativo da provincia de Lugo. A asociación cultural A Sombriza serve de anfitrioa destas xornadas organizadas pola Federación de Xuventude de Galicia (FEXUGA), da que os mozos deste colectivo cultural forman parte.

En tres horas, e de xeito absolutamente gratuíto, os participantes poderán coñecer fórmulas para facilitar algo tan habitual no mundo asociativo como levar as contas, os libros de socios e actas, e o papeleo en xeral, que é a principal rémora á hora de crear unha asociación ou de involucrarse máis activamente nela. De feito, técnicos especialistas darán conta das novidades máis salientables no ámbito xurídico, fiscal, contable e de recursos humanos e laboral, visto desde unha perspectiva útil e sinxela de comprender para as asociacións. Os responsables das xornadas técnicas non só impartirán nocións básicas e fundamentais sobre xestión de asociacións, con exemplos prácticos e emprego de modelos reais, senón que tamén resolverán os problemas concretos que poidan suscitarse polos asistentes. Todos os participantes recibirán ademais unha guía informativa.

CONTIDO VARIADO E ÚTIL

No ámbito xurídico os técnicos explicarán materiais tan habituais no seu uso asociativo como a elaboración de actas e certificados, quen está capacitado para asinalas, que trámites ou requisitos son necesarios para modificar datos da asociación e a qué rexistros afectan, etcétera-. No ámbito fiscal abordaranse cuestións como as retencións do IRPF, obrigas con Facenda, IAE e IVE. Neste ámbito profundizarase nos supostos de exención de IVE, a posibilidade de realizar actividades sen este imposto, e como liquidalo. Tamén se analizará o réxime especial fiscal de doazóns, patrocinios e mecenazgo. No ámbito contable os expertos abordarán, dun xeito sinxelo, que tipo de documentación e información contable deben rexistrar as asociacións sen ánimo de lucro, a maioría das que compoñen o tecido asociativo da nosa comarca. Finalmente no ámbito dos recursos humanos se observarán as obrigas das asociacións e voluntariado, e a contratación: tipos de contrato, prazos, trámites ante a seguridade social. Todo –insisten- desde unha linguaxe facilmente comprensible.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS NO E-MAIL DA SOMBRIZA

Aqueles que podan estar interesados en obter máis información sobre estas xornadas ou queiran realizar xa a súa inscrición –as prazas son limitadas- poden facelo remitindo un correo ao enderezo electrónico asombriza@yahooo.es. Tamén poderán obter información nos distintos puntos de atención xuvenil dos seus respectivos concellos. Desde A Sombriza insisten na utilidade destas xornadas e animan a todas as asociacións a participar, pois trátase de tan só tres horas de duración e cunha actividade cen por cen gratuíta. Malia que o prazo de inscrición é amplo, xa está aberto para dar máis facilidade aos interesados nun mes, o de decembro, chego de festividades. A xornada terá lugar o sábado 8 de xaneiro, entre as 10 e as 13 horas, na Casa da Cultura de San Ciprián.

Exit mobile version