Site icon Crónica3.com A Mariña

Advirte o BNG de que Galiza saia perxudicada no reparto das cotas de pesca da UE e di que “nas negociacións estará representada por Extremadoura”

GUILLERME ADVIRTE DE QUE GALIZA SAIA DE NOVO PERXUDICADA NO REPARTO DAS COTAS DE PESCA DA UE E DENUNCIA QUE “NAS NEGOCIACIÓNS ESTARÁ REPRESENTADA POR EXTREMADOURA”

O portavoz nacional do BNG reúnese con armadores de Burela e coa directiva do Porto de Celeiro

Burela/Celeiro, 4 de novembro 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu hoxe de que Galiza saia de novo prexudicada no reparto de cotas pesqueiras da Unión Europea para 2011. Ademais denunciou que no Consello de Ministros de Pesca da UE que se celebrará proximamente e no que se decidirán esas cotas “por parte das Comunidades Autónomas, xunto á ministra española, asistirá Extremadura, que como sabemos ten grandes intereses na pesca”.

Guillerme reuniuse esta mañá co sector pesqueiro da Mariña, primeiro coa directiva de Armadores de Burela (ABSA) e posteriormente, en Viveiro coa directiva de Porto de Celeiro.

Ademais, por parte do BNG tamén asistiu Ana Miranda, voceira do BNG no Parlamento Europeo; Bieito Lobeira, portavoz de pesca do BNG no Parlamento Galego; Neves Cando, tenenta de alcalde; Antonio Veiga, responsábel comarcal do BNG; Xosé Legaspi, concelleiro do BNG e membros da Executiva Comarcal do BNG da Mariña e do BNG de Viveiro.

Galiza ten que negociar directamente as cotas pesqueiras na UE

Guillerme Vázquez asegurou que os armadores transmitíronlle a súa preocupación polo reparto de cotas de capturas na Unión Europea para o vindeiro ano que proximamente se acordará na reunión de Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG demandou que “Galiza teña voz propia en Europa e poida participar directamente nas negociacións das cotas de capturas”. O líder do BNG lembrou que “para Galiza e para A Mariña a pesca é un sector estratéxico, non así para o Estado español, polo que temos que defender directamente os nosos intereses na Unión Europea, porque até o de agora vimos como para os Gobernos Centrais, sexan do PP ou do PSOE, a pesca galega non importa e, consecuentemente, saímos prexudicados no reparto de cotas pesqueiras a nivel europeo”.

Extremadura representará ao sector pesqueiro galego

Por último, o portavoz nacional do BNG denunciou que na próxima reunión do Consello de Ministros de Pesca da UE onde se negociarán as cotas para 2011 “as Comunidades Autónomas, e polo tanto Galiza, estarán representadas por Extremadura, que acode acompañando ao Ministerio español, e que, como sabemos, todos ten moito interese na pesca”.

Posición do BNG ante a reforma da Política Común de Pesca

Por outra parte, o BNG ven de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galiza que defenda uns principios mínimos para protexer ao sector pesqueiro galego ante a próxima reforma da Política Pesqueira Común (PPC).

En concreto, o BNG demandará no Pleno da Cámara Galega que a Xunta defenda dez puntos básicos:

1. Un novo estatus institucional de Galiza no seo da Unión Europea en materia pesqueira. Recoñecemento do seu carácter como Zona Altamente dependente da Pesca. En coherencia con este principio, presenza de Galiza, con dereito de decisión e obxección, nas institucións da UE onde se adopten decisións en materia pesqueira.
2. Defensa das competencias de Galiza en ámbitos como o comercial, determinación de tallas mínimas, artes, capacidade inspectora, ou na fixación de áreas de veda no noso litoral.
3. Rexeitamento da política de despeces. Compre defender a existencia e capacidade produtiva da frota pesqueira galega.
4. Reclamación expresa da derrogación do Principio de Estabilidade Relativa e erradicación dos privilexios que benefician a determinados países en detrimento do noso.
5. Recoñecemento formal do marisqueo e da pesca artesanal como actividades produtivas.
6. Defensa dun apartado social da PPC que inclúa a dignificación social de tripulantes, traballadoras e traballadores do mar, incluíndo a aqueles tripulantes embarcados en buques pertencentes a sociedades mixtas. A seguranza, o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña deberán contar tamén cun apartado específico na futura PPC.
7. En canto ao acceso a novos instrumentos financeiros ou fondos estruturais, defensa da modernización e renovación da frota, nomeadamente da de baixura vinculada á mellora das condicións de traballo, seguranza e habitabilidade. Nesa orientación compre garantir o incremento da potencia instalada nos motores das embarcacións de baixura, marisqueo a flote e extracción de percebe.
8. Escrupuloso control das importacións e da competencia desleal, co obxectivo de acadar a estabilidade de prezos.
9. Renovación e mellora de acordos pesqueiros con terceiros estados, así como as condicións en organizacións multilaterais.
10. Novo sistema de control do esforzo pesqueiro que evite os descartes e teña en conta as pescarías multiespecíficas.

Exit mobile version