Site icon Crónica3.com A Mariña

AMPAS e centros educativos de Cervo recibiron axudas do Concello

Nota de prensa

O CONCELLO OUTORGA 7.500 EUROS EN AXUDAS DESTINADAS Á EDUCACIÓN

* Alfonso Villares destacou o esforzo inversor do Goberno local en materia educativa e lembrou que o Concello contempla no seu presuposto actual partidas por máis de 354.734 euros neste eido

Cervo, 12 de novembro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, fixeron hoxe entrega de axudas ás AMPAS e aos tres centros educativos do concello por valor de 7.500 euros procedentes dos fondos  municipais.

En concreto, as subvencións concedidas son as referidas ao fomento de actividades educativas, culturais e recreativas realizadas polas asociacións de Nais e Pais e tamén polos dous centros de ensino primario e tamén polo instituto Marqués de Sargadelos. Cada un destes beneficiarios recibirá unha axuda de 1.250 euros.

Aposta firme e decidida

Durante o acto de entrega dos cheques o alcalde, Alfonso Villares, dixo que estas axudas veñen a cumprimentar outra xeira de investimentos en materia de adecuación e mellora que o Concello está a desenvolver conxuntamente coas comunidades escolares dos respectivos centros e salientou a implicación do Goberno local nos últimos anos no fomento da mellora da calidade do ensino nos centros escolares do termino municipal. Neste senso lembrou que os orzamentos municipais do presente exercicio contemplan partidas en materia educativa por valor de 354.734 euros “o que demostra o noso compromiso coa Educación e coa calidade de ensino dos nosos nenos e mozos” recalcou Villares.

O rexedor lembrou ademais que Cervo é un dos concellos pioneiros en materia de axudas de carácter educativo. “Dende o Concello estamos adicando unha cifra de cartos importante anualmente neste eido. Cumpre lembrar que ademais destas axudas directas ós centros e ás AMPAS, tamén outorgamos axudas para a compra de libros e material escolar para os alumnos de Educación Infantil e tamén para o transporte dos alumnos nas distintas etapas da súa edicación. Tamén hai que engadir os gastos que anualmente asumimos en traballos de mantemento das instalacións; así como os soldos dos conserxes para dar servizo aos centros de ensino obrigatorio e que anualmente supoñen un gasto para os veciños e veciñas de Cervo de aproximadamente 36.137 euros. ” indicou Villares.

Axilizar os pagos

Pola súa banda, Yolanda Pedreira, responsable de Educación local, lembrou que este ano as bases da convocatoria destas axudas sufriron unha modificación para adecuar o período das actividades subvencionables ao ano natural e non ao curso lectivo. “Foi unha medida consensuada entre tódalas partes coa que pretendemos axilizar ao máximo o pago das axudas” salientou Pedreira.

Ao igual que o alcalde, a concelleira de Educación tamén salientou a labor municipal a prol da comunidade escolar cervense. “Tendo en conta que somos un concello pequeno, con ao redor de 400 alumnos matriculados en ensinanzas non universitarias, estou convencida de que Cervo é o concello da Mariña que máis recursos económicos propios destina porcentualemente para este fin, e todo porque dende o Grupo de Goberno local sempre apostamos pola Educación como motor principal do futuro do noso municipio” recalcou Pedreira.

Exit mobile version