Site icon Crónica3.com A Mariña

O Sergas non asume o servizo de drogodependencias que xestiona o concello de Burela para a comarca

Nota de prensa:
A UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS NON SE INTEGRARÁ NO SERGAS. ASÍ O VEN DE ANUNCIAR ALFREDO LLANO DESPOIS DO ENCONTRO MANTIDO HOXE EN SANTIAGO CON RESPONSABLES DA CONSELLERÍA DE SANIDADE.

Burela, 3 de novembro de 2010. A Unidade Asistencial de Drogodependencias non se integrará no Sergas. Así o ven de anunciar o alcalde, Alfredo Llano, despois do encontro mantido hoxe en Santiago con responsables da Consellería de Sanidade.

O rexedor contou que “o que máis nos preocupa neste momento é a Unidade Asistencial de Drogodependencias, o meu interés era que todo o persoal que traballa alí fose integrado no Sergas e esquecéronse un pouco de que é un servizo que depende do Concello de Burela, pero que ten carácter supramunicipal. A resposta que nos deron é que non se integrará no Sergas, esa posibilidade está totalmente descartada, e que o o vindeiro ano manteremos prácticamente a mesma subvención que tivemos neste 2010. O único que ocorrerá é que os concellos recibiremos unha cuantía que abarcará todo o que se refire a asistencia e prevención, todo estará integrado na mesma subvención que recibamos do Sergas e despois será o Concello o que reparta a cada servizo aquelo que lle corresponde”. A Unidade Asistencial de Drogodependencias recibirá este ano 217.000 euros. Alfredo Llano agarda que “eses cartos lle sexan ingresados ao longo deste mes ao Concello de Burela, que é o que está a adiantar e asumir o funcionamento da UAD mentras non chega esa subvención”.

O alcalde de Burela sinalou que “tamén lle comentamos á directora de Asistencia Sanitaria do Sergas, Nieves Domínguez, unha preocupación moi grande que estamos a ter na Unidade de Drogodepencias que é a cantidade de pacientes que recibimos cada vez de menor idade, hai rapaces de 17 a 20 anos. Imos elaborar un informe e enviarllo ao Sergas para que o teña en conta de cara a levar adiante actuacións específicas neste campo. Si isto aumenta haberá que tomar medidas en todos os estamentos da sociedade, hai que vixiar moito máis e hai que educar mellor para que isto sexa un problema global e non asistencial soamente”.

Hospital da Costa

Alfredo Llano tamén se referiu á situación do Hospital da Costa, “recoñecen que ten que mellorar a súa asistencias, pero dinnos que non haberá unha ampliación e moito menos o plan director que se pretendía. Queremos que sexa un hospital funcional e bó para toda a comarca e que se vai tentar mellorar todo o que se poida. Preocúpanos o recorte presupostario sofrido e tamén a falla dunha atención correcta en especialidades como cardioloxía, traumatoloxía ou uroloxía, din que seguirán a funcionar ben e que tratarán de aportar persoal e material. Estaremos un atentos para non perder ningún dos servizos cos que contamos na Mariña”. O alcalde engadiu que “tamén nos contaron que é posible que conte en breve este centro cun ecógrafo, e comentámoslles que preocupan moito nos concellos da Mariña as mamografías que viña facendo unha unidade móvil, eles queren centralizalo no Hospital da Costa, falaban de ter o servizo funcionando a pleno rendemento en dous anos, pero ata entón sería bó que seguise traballando ese equipo móvil pola comarca”.

O rexedor de Burela tamén lles expuxo aos responsables do Sergas que “hai médicos que atenden no PAC e noutros servizos de garda que están ata tres días seguidos facendo gardas, iso é preocupante, xa se produciron moitas queixas e así llo fixemos saber. Tamén analizamos os concellos saudables, e dixémoslles que as nosas pretensións pasaban por xerar programas de formación, educación e información e iso irá incluida na subvención global que recibirá o Concello de Burela. E falamos tamén dos centros de saúde que están dentro da área sanitaria do Hospital de Burela, había preocupación porque tivesen unha autonomía presupostaria independente e fomos informados de que terán unha economía independente. Iso parécenos positivo e debe manterse”.

Alfredo Llano viaxou a Santiago acompañado pola directora da UAD, Conchi Abad, e pola concelleira de Sanidade, Sonia Fraga.

Exit mobile version