Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle derbi galego da división de honra entre o Burela FSF e o Cidade das Burgas


Nota de prensa

CIDADE DAS BURGAS E BURELA FSF CHEGAN PARELLOS AO DERBI DE VISTA ALEGRE

Vista Alegre acollerá mañá o segundo derbi galego da tempada na División de Honra, protagonizado polo Cidade das Burgas e o Burela FSF Pescados Rubén. A partir das 18.30 horas, daranse cita na bomboneira dous cadros que chegan á novena xornada moi parellos; tan só dous puntos separan a oitava praza laranxa (11) da décima ourensá (9).

As pupilas de Javier Pardeiro mediranse a un rival forte fisicamente, que se está adaptando ben á categoría grazas á claridade do seu sistema de xogo. A nova escuadra na División de Honra conta cunha canteira inesgotable de Ourense. É un club que está facendo un traballo inmellorable con deportistas novas, entre as que destacan xogadoras como a ala-pivote Vanessa, cunha gran proxección. O Cidade das Burgas debe a súa actual posición ás vitorias locais ante o Cajasur Córdoba (7-3) e Rioja FS (4-2) e, a domicilio, fronte ao UCAM Murcia (0-1).

A única ausencia nas filas burelistas será a de Jozi; a meta laranxa non regresará da súa viaxe ao Brasil, por motivos persoais, ata a próxima semana. No resto do vestiario, Lucía, Claudia e Dolo arrastran sobrecargas que poden minguar substancialmente o seu rol no encontro.

Esta será a terceira cita entre ourensás e burelás dende que ambas as dúas escuadras pertencen oficialmente á máxima categoría. Os dous anteriores foron na pretempada, co primeiro marcador a favor das laranxas, na Semana Eypar de Melide (2-1), e o segundo para as das Burgas, en Burela (1-3).

Exit mobile version