Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Mondoñedo e Deputación colaborarán para converter a igrexa de Alcántara nun centro cultural

Nota de prensa:

ASINOUSE O CONVENIO QUE CONVERTIRÁ A IGREXA DE S. PEDRO DE ALCÁNTARA, EN MONDOÑEDO, NUN CENTRO CULTURAL

A Deputación aporta 185.000 euros ás obras, que converterán o lugar, por unha banda, nun centro contedor para a mostra de fondos e recepción de visitantes, e por outra nun centro produtor de contidos e actividades

MONDOÑEDO, 09 de Novembro de 2010. O delegado de Cultura e Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, estivo esta mañá na casa do concello de Mondoñedo, onde o alcalde, Orlando González, asinou o convenio que permitirá facer da Igrexa de San Pedro de Alcántara un centro cultural, cun investimento de 185.000 euros. O obxectivo que se acadará con estas obras será a creación dun espazo de exposición e aproveitamento cultural, educativo e turístico das figuras artísticas máis importantes da historia de Mondoñedo: Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Pascual Veiga, Cunqueiro ou o mestre Pacheco e os mestres de capela.

As obras de acondicionamento do contorno desta igrexa da Alcántara leváronse a cabo coa achega do Ministerio de Vivenda, e inauguráronse fai poucas semanas. A actuación que realizará a Área de Cultura da Deputación, como indicou Veiga, “encherá de contido a igrexa, poñéndoa en valor como un centro cultural que traerá un grande beneficio ao concello de Mondoñedo”.

Orlando González manifestou a súa satisfacción pola acción que se vai realizar, e lembrou que “a igrexa está desacralizada, é de propiedade municipal. Xa tivo historicamente unha vinculación co uso cultural do seu espazo, especialmente no ámbito musical”. S. Pedro de Alcántara aparece citada en varios escritos históricos como “Teatro da Alcántara”, polo que reconvertela para uso sociocultural confírmase como unha iniciativa moi positiva.

Deste xeito, crearase un centro cultural co patrimonio literario e cultural de Mondoñedo, e o centro será entendido de dúas maneiras: por unha banda, como centro contedor que se empregará para expoñer fondos e recibir visitantes, e ao mesmo tempo un centro produtor de contidos e promotor de actividades de divulgación, de cara á apertura á sociedade. Polo tanto, a unha oferta expositiva e cultural terá carácter permanente, e as iniciativas que se xeren no novo centro xogarán un papel importante en beneficio do desenvolvemento e dinamización cultural, social e económica de Mondoñedo.

Exit mobile version