Site icon Crónica3.com A Mariña

Constituído o consello asesor da radio municipal de Burela prevén que emitirá en decembro

Nota de prensa

QUEDOU CONSTITUIDO O CONSELLO ASESOR DA RADIO MUNICIPAL DE BURELA. NEVES CANDO AGARDA QUE AS EMISIÓNS COMECEN O VINDEIRO MES DE DECEMBRO.

A emisora municipal terá a sede na Casa da Xuventude

Burela, 18 de novembro de 2010. Nas últimas horas quedou constituido o consello asesor da radio municipal de Burela. A concelleira de Cultura, Neves Cando, agarda que as emisións comecen o vindeiro mes de decembro.

A edil nacionalista lembrou que “no mes de abril aprobamos en pleno a creación do servizo da radio municipal e o seu regulamento de funcionamento, e segundo isto é o pleno da Corporación quen exerce o control da emisora e quen aproba a súa programación anual, punto que aprobaremos no pleno da vindeira semana”.

Neves Cando explicou que “como paso primeiro o consello asesor, outro dos órganos de goberno previsto no regulamento, propón un avance de programación que despois será aprobado no pleno. Iso foi o que fixemos onte, constituir o consello asesor para trasladar ao pleno a proposta de programación. Os distintos pasos legais tras a aprobación en pleno da creación desta radio xa están aprobados, a Xunta aprobou a nosa solicitude e trasladou a nosa petición ao ministerio que é quen ten a última palabra e no mes de outubro xa nos foi adxudicada unha frecuencia que agora nos comunicou a Xunta”.

A tenente de alcalde de Burela sinalou que “despois de reunir ás distintas asociacións e colectivos para explicarlles toda esta regulamentación e invitalos a formar parte deste proxecto, por certo cunha grande acollida, ao final quixeron estar no consello asesor da radio, a asociación de veciños das Casas Baratas, o clube deportivo Burela F.S e o clube Baloncesto Burela e tres asociacións culturais, o colectivo Buril, Pasada das Cabras e Tabanka. Con estes membros máis o alcalde e eu mesma como concelleira de Cultura e os representantes dos grupos políticos da Corporación, por certo o PP non asistiu, constituise onte o consello asesor e aprobóuse por unanimidade unha proposta de programación que agora se elevará ao pleno”.

Cando engadiu que “dita programación comezaría ás nove menos dez da mañá con dez minutos de adianto información coa previsión da axenda da xornada, ata as once da mañá a radio de Burela estará conectada á rede de todas as emisoras municipais galegas e de 11 a 14 horas será emisión propia de Burela, primeiro cun magazine de actualidade local e comarcal e despois cun espazo informativo tamén local e comarcal. Xa pola tarde de 16 a 18 horas será o tempo adicado á cultura, ás asociacións, á xuventude, ao debate, é dicir a radio a disposición da xente de Burela, e aquí é onde contamos xa coa colaboración de moitas asociacións e colectivos para dar a coñecer as súas actividades e facer unha programación aberta a todos. A partires das 18 horas volveremos a conectar á rede de emisoras municipais galegas para novos programas e informativos”.

Toda esta actividade da radio local vaise desenvolver nunhas dependencias da Casa da Xuventude, que neste momento están sendo habilitadas para iso e “agardamos que para o próximo mes todo bote a andar”.
.

Exit mobile version