Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Caixa Galicia impulsan un programa formativo para a inserción de inmigrantes e emigrantes

Nota de prensa

Deputación e Caixa Galicia impulsan un programa formativo para a inserción laboral de inmigrantes e emigrantes lucenses

– Gómez Besteiro e García Iglesias asinan un convenio de colaboración mediante o cal a entidade financeira aporta 90.000 euros ó desenvolvemento desta iniciativa

– O programa complementa as accións da Casa do Emigrante que a Deputación levou a Viveiro e onde só en 2010 se atenderon a 2.500 persoas

– Esta oficina presta tanto información económica, laboral ou social co obxectivo de impulsar os proxectos empresarias dos inmigrantes e emigrantes lucenses

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, asinaron este mércores un convenio de colaboración mediante o cal a entidade financeira achega ó organismo provincial un total de 90.000 euros para a posta en marcha dun programa formativo dirixido ós inmigrantes e emigrantes retornados á provincia. Trátase dunha iniciativa coa que a Deputación busca a inserción laboral deste colectivo, e que complementa as accións levadas a cabo dende a Casa do Emigrante de Viveiro.

Gómez Besteiro subliñou que “hai 2 anos establecemos coa Casa do Emigrante unha ponte de unión e diálogo con este colectivo que agora ampliamos. Con este convenio, Caixa Galicia cumpre con Lugo ata o final”. Pola súa banda, García Iglesias salientou que “este acordo enmárcase dentro das liñas estratéxica da Fundación para a mellora dos colectivos máis desprotexidos. Hai que coidar á poboación inmigrante”

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, Lugo conta cuns 13.600 inmigrantes. Mentres, dende a Secretaría Xeral de Emigración, sitúan a cifra de emigrantes retornados á provincia durante o 2009 nas 270 persoas. Eles serían os beneficiados do programa co que a Deputación lles ofrece a formación necesaria para desenvolver os proxectos emprendedores, dirixidos ó autoemprego e a creación de empresas en Lugo.

Complementario ás accións da Casa do Emigrante

O organismo provincial outorga xa a este colectivo dende a Casa do Emigrante que levou a Viveiro a información precisa para potenciar este tipo de iniciativas. Deste xeito, no que vai de ano, esta oficina atendeu a 2.500 persoas. As principais consultas foron sobre as axudas laborais e de vivenda existentes na Comunidade. Da mesma forma, tamén se tramitaron centos de renovacións de regularización, partidas de nacemento, certificados de rexistro civil, e ata herdanzas de emigrantes ou fillos destes que seguen no país de acollida.

A Casa do Emigrante está a mellorar a comunicación da comunidade lucense co exterior, a impulsar actividades e servizos que promoven o axuste social e a integración en Galicia, así como a captar investimentos na provincia. Deste xeito, ademais de orientar ós inmigrantes e emigrantes lucenses ofrecendo tanto información económica como dos posibles investimentos en Lugo, está a desenvolver programas de acollida, educación reforzada, ou convivencia.

Agora, esta oficina está a deseñar, tendo en conta as profesións con maior futuro na provincia que detectou o Pacto Provincial polo Emprego da Deputación, así como o Primeiro Plan Estratéxico que precisamente elaborou o organismo provincial en colaboración con Caixa Galicia, este programa formativo que se desenvolverá, non só en Viveiro, senón tamén polos distintos Concellos lucenses.

Exit mobile version