Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Xunta inician o trámite para construír a nova ponte de Arante en Ribadeo

Nota de prensa

Deputación e Xunta desbloquean a situación da Ponte de Arante, en Ribadeo

– Aceptada a proposta presentada polo organismo provincial, os técnicos redactarán o anteproxecto para que este sexa aprobado en decembro pola comisión de Patrimonio

– Realizado este proceso, a Deputación contratará canto antes as obras para as que habilitou no mes de xuño unha partida de emerxencia dotada con 150.000 euros

– O Deputado de Infraestruturas subliña que “é unha infraestrutura pola que os veciños non podían estar agardando tantos meses. A Deputación o que quere e o que quixo sempre é dar unha solución a este problema e comezar canto antes os traballos”

O Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, o Director Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Pichel, e o Delegado Territorial deste departamento en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina, ademais de técnicos provinciais e autonómicos, mantiveron este martes unha xuntanza na Consellería de Cultura e Turismo para desbloquear a situación na que se atopa a ponte que une as parroquias de A Ponte e de Arante, en Ribadeo, e na que as fortes choivas do temporal de xuño provocaron o seu derrubamento, quedando pechada ó tráfico dende esa data.

Deste xeito, os técnicos provinciais presentaron ós responsables autonómicos unha proposta de como será a nova infraestrutura que construirá a Deputación. Os técnicos de Patrimonio indicáronlle ó departamento territorial que este estudo podería servir como base para a redacción do anteproxecto, que será enviado polo servizo de Vías e Obras ó departamento autonómico no menor posible para que sexa aprobado pola Comisión, nunha reunión prevista para o mes de decembro.

Os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural tamén detallaron cales deben de ser as características da ponte, os materiais construtivos, as técnicas de construción, etc. Unha vez aprobado o anteproxecto, a Deputación contratará no menor tempo posible as obras para as que habilitou no mes de xuño unha partida de urxencia, dotada con 150.000 euros.

O Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, subliñou a cordialidade na que se produciu a xuntanza e indicou que “por fin se desbloquea a situación. É unha infraestrutura pola que os veciños non podían estar agardando tantos meses. A Deputación o que quere e o que quixo sempre é dar unha solución a este problema e iniciar canto antes os traballos”.

Pola súa banda, o Director Xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, asegurou que “esta reunión foi moi construtiva para solucionar canto antes o problema da recuperación desta ponte sen perxudicar os valores patrimoniais históricos deste tramo do Camiño Norte de Santiago”.

Exit mobile version