Site icon Crónica3.com A Mariña

Duelo

Don Ramón Fernández Mato foi o primeiro director do prestixioso xornal “El Pueblo Gallego”, fundado en Vigo o ano 1924, propiedade do político Portela Valladares. O seu maior competidor era o “Galicia”, do que era redactor-xefe o poeta Roberto Blanco Torres, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1999. Cóntase que este, na loita por ganar lectores, tivo un desliz informativo, atribuíndo a Mato certas relacións cunha dama da sociedade viguesa; quen, romántico e aventureiro, “ipso facto” desafiou a aquel a un duelo con espada, sinalando data e lugar. Este sería nada menos que sobre o escenario do Teatro Tamberlik, de Vigo, cando estes lances estaban xa prohibidos por lei. Algún familiar dos contendentes (dise que un cura parente de Roberto Blanco) puxo o feito en coñecemento da autoridade e a policía evitou que o duelo se consumase, con gran desgusto de Mato, tan preparado para o enfrontamento que mesmo tomara leccións de esgrima. Foi por esas cando na ría de Vigo se produciu a maior hecatombe humana: sesenta mariñeiros de Bouzas pereceron afogados. En tempos tan pobres, de absoluto desamparo social, é fácil comprender o impacto que a traxedia causou na poboación. Formouse unha comisión cidadán para auxiliar a tanto damnificado, presidida por Fernández Mato quen solicitou audiencia ó rei para expoñerlle o alcance e consecuencias do sinistro e pedir a súa mediación. Alá foi o aposto republicano enfundado no “smoking” e chisteira e apoiado en artístico caxato para ser recibido por Alfonso XIII. A comisión baixo a súa presidencia organizou un partido de fútbol entre o Real Madrid e unha selección galega. Foi tal o éxito económico que Mato foi elixido presidente do Celta; el que nen afeccionado ó fútbol era. Pero a experiencia valeulle para escribir a súa primeira novela: “La tragedia del delantero centro”. Anos despois, ó estalar a guerra incivil, Mato (Director Xeral de Seguridade do goberno republicano) fuxíu a Cuba nun barco fondeado na bahía de Alicante, e Blanco Torres, tras ser encarcelado, foi fusilado no cemiterio de Entrimo-Ourense o día 3 de outubro de 1936

Exit mobile version