Site icon Crónica3.com A Mariña

En Burela leeron un manifesto e soltaron globos no día contra a violencia contra as mulleres

NOTA DE PRENSA

Manifesto que se leu esta mañá na praza do Concello de Burela con motivo da celebración hoxe do día internacional contra a violencia de xénero. Despois da lectura os participantes no acto soltaron globos de cor malva e branco en lembraza das mulleres asasinadas ao longo deste 2010.

Manifesto 25 novembro 2010

Diante da conmemoración dun novo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Burela quere amosar o seu rexeitamento e denuncia ante a persistencia dunha das manifestacións máis graves da discriminación por razón de sexo: a violencia contra as mulleres.

Dende o recoñecemento por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas do carácter oficial desta data do 25 de novembro, son máis de dez anos os transcorridos e moitos son os logros conseguidos en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero.

Pero, un 25 de novembro máis, como cada ano, esta data lémbranos o que queda por facer: seguir traballando e xuntando forzas para combater e acabar dunha vez con esta lacra social. Porque, a pesar de todos os avances acadados ata a actualidade, o violencia de xénero segue a ser un dos problemas máis graves desta sociedade.

No que vai de ano morreron 62 mulleres en España vítimas das agresións das súas parellas ou ex parellas. Asemade, cada 15 segundos é agredida unha muller no mundo e a violencia de xénero é a principal causa de mortandade entre as mulleres de 15 a 45 anos, segundo datos da Organización Mundial da Saúde.

A violencia de xénero desaparecerá cando as mulleres deixen de ser cidadás de segunda e participen de forma igualitaria nesta sociedade. Desaparecerá cando deixen de estar á cabeza das cifras de pobreza, das listas de desemprego, de sufrir a infravaloración dos seus traballos e os problemas de conciliación da vida persoal, familiar e pública. Desaparecerá cando se deixe de usar a súa imaxe como un obxecto de consumo, cando as súas palabras se oian co mesmo volume co que se escoitan as dos homes e cando sexan nomeadas e visibilizadas en todos os espazos sociais.

Por todo isto, cada persoa ou institución ten un compromiso na loita contra a violencia cara ás mulleres. Porque a violencia non é cousa delas, porque a violencia non é cousa doutras, porque a violencia é cousa de todas e cada unha das persoas que conformamos esta sociedade. Tan só asumindo unha responsabilidade compartida poderemos facer desaparecer a maior lacra que sofre a nosa sociedade: a violencia de xénero. Tan só asumindo unha responsabilidade individual poderemos forzar a súa desaparición e contribuír ao progreso social.

Por todo isto, e para que a nosa protesta non se circunscriba a unha mera cita no calendario con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, queremos deixar constancia do noso compromiso na loita contra a violencia de xénero.

Co desexo de que no futuro non haxa ningún motivo para conmemorar este 25 de novembro,

co convencemento de que non existen barreiras ideolóxicas nin políticas que poñan freo a unha loita común contra a violencia sexista,

manifestamos o noso máis firme compromiso de loita contra todas as manifestacións de violencia que sofren as mulleres nesta sociedade,

mostramos o noso firme rexeitamento de todos aqueles que a exercen

e comprometémonos a promover o cambio social necesario mediante unha posición de tolerancia cero fronte ao machismo e a non ser cómplices no silencio.

Exit mobile version