Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente construirá unha senda peonil de 1,2 quilómetros en Alfoz en dirección a Ferreira

Nota de prensaMEDIO AMBIENTE INVESTIRÁ 235.400 EUROS NA CONSTRUCIÓN DUNHA SENDA PEONIL DE 1,2 QUILÓMETROS NA LOCALIDADE DE ALFOZ

* A actuación pretende mellorar a seguridade da estrada LU-160, que atravesa numerosos núcleos habitados e pasa por diante do instituto de secundaria

Alfoz, 5 de novembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas construirá unha senda peonil de 1,2 quilómetros en Alfoz, dende a saída do núcleo urbano en dirección a Ferreira do Valadouro. As obras, nas que se investirán 235.467 euros, servirán para mellorar a seguridade viaria da estrada LU-160 nun tramo que atravesa varios núcleos de poboación e pasa por diante do propio instituto de secundaria, polo que é utilizado a diario por numerosos peóns.

Ademais, hai que ter en conta a considerable densidade de tráfico que soporta a estrada, que une Mondoñedo con Ferreira de Valadouro -en algo máis de 19 quilómetros totais-. Segundo os datos do 2009, a intensidade media diaria de vehículos atópase entre os 3.000 e 5.000 vehículos al día, e a intensidade media diaria de vehículos pesados sitúase entre os 400 e 1.600.

A obra incluirá a realización dunha senda peonil de dous metros de ancho na marxe esquerda da vía, entre os puntos quilométricos 17,500 -saída do casco urbán pola Seara- e 18,750.

Para elo será necesaria a formación da explanada mediante o movemento de terras e a posterior extensión de zahorra artificial cun espesor de 20 centímetros, así como a extensión dunha capa de 20 centímetros de espesor de formigón de cor que cubrirá todo o longo da senda.

Así mesmo, será preciso prolongar unha obra de drenaxe transversal, colocar unha valla e barreira de seguridade que separe o camiño da calzada, e executar un pequeno muro de escollera. A consellería ven de proceder á adxudicación provisional. Os traballos, que xa contan con dotación orzamentaria, darán comezo nas vindeiras semanas e o prazo de execución será de sete meses.

A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe as obras acompañada polo alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, quen suxeriu a posibilidade de executar unha segunda fase, proposta que será estudada polo departamento de estradas da Xunta. O concello propón que a senda peonil -que agora chega ata a zona da escola de Reirado- se prolongue ata Teixoeira, onde conectaría cun tramo con beirarrúas en ambas marxes ata alcanzar o límite co Valadouro.

Exit mobile version