Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz demanda medidas de control de gastos por parte do goberno municipal

Nota de prensa:
O BNG DE FOZ DEMANDA MEDIDAS DE CONTROL DE GASTO POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL

O alcalde incumpre co Plan de Saneamento aprobado no pleno de xuño de 2009

“De seguir así, non haberá cartos nin para folios” avisa Basanta

Foz, 6 de novembro de 2010.-. Para o BNG, e a vista do estado de liquidación dos orzamentos realizada en setembro, sacamos como conclusión máis clara a existencia dun descontrol do gasto e un desequilibrio cada vez maior entre ingresos e gastos que poñen en perigo a capacidade inversora do Concello e o bo funcionamento dos servizos municipais.

O BNG de Foz cualifica a información dada polo Sr. Alcalde sobre o estado de contas do Concello como sesgada e de falta total de rigor. Non se pode -como fai o Sr. Alcalde- cando se fala de xestión económica dar os datos a medias nin contar as cousas segundo lle convén. Aínda que lle pese ao Sr. Alcalde ao final a realidade dos feitos imponse aos simples desexos e se analizamos os datos das contas municipais de forma obxectiva vemos como non se está a levar a cabo unha boa xestión dos cartos de todos os focegos.

Desde a perspectiva do BNG, unha cousa queda clara no Estado de Liquidación dos Orzamentos Municipais de data 30/09/2010 realizado polos servizos de Intervención e é que “existe un desfase importante entre os ingresos que se recadan e os gastos correntes que se pagan”. Este desfase entre ingresos e gastos trae consigo unha diminución importante do remanente das Existencias de Tesourería que, “a corto prazo, imposibilitará que se atendan debidamente os servizos municipais e hipotecará no futuro a posibilidade de realizar inversións en novos proxectos municipais”. E neste punto, hai que lembrar unha vez mais, que no ano 2006 había un remanente superior aos 6 millóns de euros procedentes das licencias urbanísticas e que, a día de hoxe, está practicamente esgotado. O problema é sinxelamente, que no Concello se gasta mais do que se ingresa porque non existe rigor, control e planificación dos gastos.

Outra das conclusións sobre a xestión municipal é que o Goberno Municipal está a incumprir case na súa totalidade o Plan de Saneamento financeiro aprobado en pleno en xuño de 2009 e que incluía unha serie de medidas fiscais, de xestión e administrativas para mellorar as contas do Concello. Esto é o que reflicte de forma contundente o Informe de intervención con data 25 de outubro de 2010 sobre a execución de dito Plan. O único obxectivo cumprido é a aprobación da Relación de Postos de Traballo. Todo o demais está sen facer.

No relativo aos ingresos, este informe incide en que “non se leva ata as últimas consecuencias a recadación das débedas pendentes de pago”, co que como noutras ocasións temos manifestado desde o BNG, o Concello non está a cumprir co seu deber e está creando un agravio comparativo con aqueles cidadáns que pagan relixiosamente os seus impostos.

No relativo aos gastos, evidencia a falta de control dos mesmos e subliña o incumprimento da case totalidade de medidas incluídas no Plan como a de reducir o abonado ao persoal en horas extras, a redución do persoal temporal, a redución do consumo de enerxía eléctrica tanto das dependencias municipais como no alumeado público e a depuración de facturas abonadas para detectar consumos non imputables ao Concello. Continúa este informe facendo fincapé da necesidade de reducir os gastos de teléfono, a necesidade de centralizar na medida do posible as compras para reducir costos na adquisición de consumibles informáticos, suministros, produtos de limpeza, material para a brigada de obras e outros. Recomenda tamén a necesidade de vincular xuridicamente máis os créditos para lograr un maior control na execución dos gasto.

No referente a este tema do control do gasto público foron presentadas, e algunhas aprobadas, diversas mocións do BNG como o Plan de Aforro Enerxético, a maior vinculación das partidas ou o control das horas extras. Ditas propostas seguen a día de hoxe sen aplicarse, a entender do BNG só pola incapacidade do Alcalde e do Goberno Municipal.

Dende o BNG non podemos máis que dar un suspenso á administración contable do Grupo de Goberno polos motivos reseñados que están baseados nos informes serios e competentes dos servizos de Intervención do Concello e que descualifican as declaracións interesadas do alcalde de Foz en canto non se axustan á realidade. O que si temos que reiterar é que todas estas medidas incluídas no Plan de Saneamento, urxe levalas a cabo canto antes pois se non haberá un problema de financiamento futuro do Concello.

Exit mobile version