Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentou a candidatura á alcaldía de Ribadeo “nun ambiente moi cordial e cheo de optimismo”

Nota de prensa

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Cento corenta persoas asistiron este sábado 27 de novembro á presentación da candidatura de Fernando Suárez Barcia como candidato á alcaldía de Ribadeo polo BNG para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2011. Nun ambiente moi cordial e cheo de optimismo, as persoas asistentes puideron comprobar de primeira man, a través dun novo número do Parladoiro do BNG de Ribadeo, as principais actuacións do equipo de goberno do Concello de Ribadeo.

Suárez Barcia afirmou que “dá gusto comprobar como a nosa cercanía  á xente se ve refrendada pola boa disposición dos veciños e veciñas a achegársenos e falarnos dos seus problemas e daquelas cousas que pensan que están ben feitas; fomos e seguiremos a ser un equipo de goberno que sempre estará a pé de obra, atentos as suxestións dos cidadáns e cidadás ribadenses. Tedes ante vós un pequeno balanzo do traballo feito. Lembrade como estaban moitas cousas e como imos entregar o concello. Nós non imos presumir de que os nosos amigos gobernan aquí ou alí; nós tan só imos comentar como, goberne quen goberne aquí ou alí, sempre tiveron que escoitar a firmeza das nosas reclamacións para conseguir o que lle corresponde a Ribadeo. E soubémolo facer de forma intelixente: con man esquerda, pero tamén con rigor. Canto máis apoio logremos mellor poderemos levar a cabo a nosa xestión do día a día no concello de Ribadeo”.

Cando tomou a palabra Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG no Parlamento de Galiza, mostrou o seu orgullo de poder contar con persoas como Fernando Suárez Barcia, Mari Luz Álvarez Lastra, Vicente Castro e Horacio Cupeiro nos concellos galegos. “O BNG estará sempre co pobo, coa xente traballadora, con aquelas persoas que día a día están a loitar para saír adiante. Mentres que outros se reúnen coa gran banca, cos mesmos que axudaron a crear esta situación de crise, o BNG sempre será a garantía da prestación duns servizos básicos que redistribúan a riqueza e defendan os logros sociais acadados ata o de agora”.

Exit mobile version