Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo asegura que ten previsto acometer obras de mellora eléctrica no campo da Bidueira

Nota de prensa

O   CONCELLO ACOMETE A MELLORA DA LIÑA DE SUBMINISTRO ELÉCTRICO DO CAMPO DE FÚTBOL DA BIDUEIRA

o A actuación foi consensuada cos responsables da S.D. Cervo-Sargadelos

o A Xunta de Galicia financia os traballos que teñen un orzamento de 17.235 euros

Cervo, 15 de novembro de 2010.- O Concello de Cervo ten previsto acometer nos vindeiros días as obras de mellora do tendido que subministra enerxía eléctrica ao campo de fútbol da Bidueira, en Cervo.

O rexedor local, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, mantiveron hoxe unha xuntanza cos responsables da S.D. Cervo Sargadelos e cos da empresa adxudicataria das obras para ultimar os detalles desta actuación. Segundo indicou o rexedor, os traballos foron consensuados cos responsables da Sociedad Deportiva Cervo-Sargadelos e teñen por obxecto mellorar  a calidade do subministro e promover a eficiencia enerxética nestas instalacións deportivas.

“As obras que se farán son feitas en base a unha petición dos responsables do Cervo-Sargadelos, que son os usuarios habituais do campo de fútbol, e polo tanto, os mellores coñecedores das necesidades destas instalacións” dixo Villares, quen recalcou que a colaboración entre institución e colectivos veciñais é a forma máis axeitada de poder materializar as distintas necesidades do termo municipal. “Co diálogo e bo entendemento pódense facer moitas cousas” recalcou Villares.

As obras consisten na substitución da antiga liña de subministro eléctrico que da servizo ao campo de fútbol de Cervo por un novo cableado que mellorará a eficiencia enerxética e evitará as caídas de tensión ás que se vía sometida esta instalación deportiva. A rede actual está sustentada con postes de madeira que nalgúns casos se atopan en moi mal estado debido ás riadas e temporais acaecidos durante o inverno e primavera pasados. Por iso, está previsto instalar uns novos postes de formigón armado con apoio en zapatas de formigón en masa e un cableado novo que permitirá un mellor rendemento enerxético. Os traballos teñen un orzamento de 17.235 euros. Están financiados pola Xunta de Galicia e a empresa encargada de realizar as obras é Obras Civiles da Mariña.

Exit mobile version