Site icon Crónica3.com A Mariña

O Estado non inviste en seguridade viaria nin sequera o 10% do que recada en Galiza en multas, asegura o BNG

Nota de prensa

O BNG DE FOZ DE NOVO INDIGNADO POLO MAL ESTADO DA ESTRADA DA COSTA
O Estado non inviste en seguridade viaria nin sequera o 10% do que recada en Galiza en multas

Foz, 13 de novembro de 2010.- O BNG, a través do seu portavoz Xan Carlos González Basanta, volveu a manifestar a súa indignación polo estado no que está a estrada N-642 ao seu paso polo Concello de Foz, despois das primeiras choivas de outono. Particularmente, o deterioro agrávase nalgúns tramos como o de Mañente, Forxán, Nois ou Fazouro e que supoñen un perigo constante que pode provocar tanto danos importantes nos vehículos como, o que é peor, accidentes graves.

A brigada de obras de Fomento, a raíz das denuncias feitas con anterioridade, estiveron poñendo hai poucos días parches e remendos que como xa anunciara o BNG non son máis que un gasto inútil porque a pouco que chova xa están na mesma situación. Ao mal estado da estrada hai que engadirlle a súa deficiente visibilidade pola falta de iluminación e tamén por estar sen pintar, co que o risco acentúase cando é de noite.

O BNG de Foz volve a esixir por enésima vez unha solución definitiva a Fomento, que pasaría por un asfaltado novo e en condicións da estrada que garanta a seguridade viaria e unha mellor circulación do tráfico. “Se Fomento só investira un pouco máis do 10% que inviste actualmente dos 30 millóns de euros anuais que recadan por multas no noso país, non teriamos estes problemas nas nosas estradas”, afirma Basanta, para dar a entender que o abandono das nosas estradas obedece a unha política por parte do Estado que nunca nos tivo en conta e que esto ten que cambiar.

Exit mobile version