Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación asegura que medio rural perdeu 136 millóns de euros pola Xunta

Nota de prensa

Besteiro salienta que o medio rural perdeu 136 millóns de euros debido a “falsa austeridade” da Xunta

– É o orzamento da Unión Europea que lle correspondía a Galicia para melloras no campo durante 2011 e que “como o Executivo galego se negou a investir 23 millóns de euros, agora ós nosos gandeiros e agricultores teñen estas axudas bloqueadas”

– A maiores, a Xunta recortou nun 21% o presuposto da Consellería de Medio Rural supoñendo unha reducción de 134 millóns de euros en políticas agrogandeiras

– O Presidente reivindicou políticas supramunicipais no rural, e adiantou que a vindeira semana SUPLUSA aprobará os seus Orzamentos nos que 12 millóns serán para a construción de residencias e centros de día que combatan o despoboamento

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este sábado o IV Congreso de Unións Agrarias de Chantada do que resultou a nova executiva do sindicato agrario no sur da provincia para os vindeiros catro anos. Gómez Besteiro aproveitou o encontro para trasladar o apoio do organismo provincial ante os novos retos na defensa do rural.

O titular do organismo provincial lembrou que co cambio de Goberno, a Deputación reorientou as súas políticas de actuación dando máxima prioridade o “Pacto polo Campo”, un acordo que o Presidente reivindicou esta mesma semana no Parlamento de Galicia, para o que pediu o apoio de todos os grupos políticos, e que mantén a necesidade de políticas supramunicipais para impulsar o sector agrogandeiro, frear o despoboamento demográfico, crear emprego, e cooperar cos Concellos.

Neste senso, lembrou que nos Orzamentos da Deputación para 2011 increméntase a partida para a cooperación cos Concellos, e achéganse 12 millóns de euros para a construción de 10 residencias e centros de día. Precisamente, adiantou o Presidente, a vindeira semana SUPLUSA aprobará os seus Presupostos onde haberá unha partida para a estas infraestructuras coas que o organismo provincial busca facer fronte á perda de poboación no rural. Da mesma forma, o vindeiro ano, a Deputación terá listo o primeiro centro de recría público en España nas instalacións da Granxa Gayoso Castro que aforrará miles de custes ós gandeiros; e rematará de executar Lug02, o programa medioambiental que está a xerar riqueza no rural; o Plan Extraordinario de Obra Pública co que se están a mellorar as comunicacións e se manteñen postos de emprego; ou o Innova-TE, a iniciativa coa que se aforran centos de desprazamentos ó poder realizar dende a casa 120 trámites coa administración.

Gómez Besteiro destacou que “malia que non temos competencias directas no medio rural ó ser unha cuestión que lle atinxe ó Goberno galego, o campo ten que estar presente na axenda diaria de todas as administracións xa que o noso futuro pasa polas súas mans. Pero fronte a isto, o medio rural perdeu 136 millóns de euros debido a falsa austeridade da Xunta”.

Trátanse dos fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) que se achegan para melloras produtivas, infraestruturas, e servizos que melloren a calidade de vida no campo e impidan o despoboamento. O Presidente denunciou que “como o Executivo galego se negou a investir 23 millóns de euros que debía aportar con fondos propios, agora os nosos gandeiros e agricultores teñen bloqueadas unhas axudas para 2011 valoradas nos 136 millóns de euros”; unha crítica ratificada polos sindicatos agrarios.

Recorte do 21%

O Presidente salientou ademais que “o Goberno galego vén de recortar nun 21% o presuposto da Consellería de Medio Rural para o vindeiro ano, supoñendo unha reducción de máis de 134 millóns que afectará sobre todo as políticas para fixar a poboación e achegar infraestruturas ó rural; previr incendios; e pagar ós danos da fauna salvaxe”. Ó mesmo tempo, lembrou que en 2010 a Xunta recortou xa as políticas contraincendios en máis de 8,7 millóns, así como as subvencións para rehabilitar vivendas no rural nun 70%. Ante esta situación, o Presidente reiterou a necesidade de acadar o “Pacto polo Campo”, e subliñou que “é momento de reiventarse e investir máis ca nunca para facer fronte á crise”.

Exit mobile version