Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ministerio de Medio Ambiente investirá 224 mil euros nas praias de o Cabaliño e O Portelo en Burela

Nota de prensa

O ALCALDE AGARDA QUE PARA O VINDEIRO VERÁN ESTEA REMATADO O PROXECTO DE DOTACIÓN DE SERVIZOS AO CABALIÑO E AO PORTELO, UNHAS OBRAS QUE SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE 224.000 EUROS.

Burela, 25 de novembro de 2010. O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino confirmóulle ao Concello a aprobación definitiva do proxecto de dotación de servizos ao Cabaliño e ao Portelo. Uns traballos que suporán un investimento de 224.000 euros e que o alcalde, Alfredo Llano, agarda “estean listos para o vindeiro verán”.

O rexedor contou que “recibín do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino a confirmación da aprobación definitiva do proxecto de dotación de servizos á praia de O Cabaliño e O Portelo. Trátase da construcción duns baños que son moi demandados por todos os que acuden a ese areal e ao mesmo tempo tamén contaremos cun almacén e cun mirador para os socorristas”. O presuposto da obra ascende a 224.000 euros e Alfredo Llano agarda que “para o próximo ano estean xa funcionando. Agora estamos na tramitación económica e despois pasarase á licitación. É un dos proxectos polos que esperábamos desde hai tempo, será moi bó para as praias do centro do pobo e será un atractivo máis para que veñan máis turistas ao noso concello”.

Llano lembrou tamén  “os grandes desperfectos que ocasionou o último temporal na praia da Marosa, o espigón fóise revolvendo e nós solicitamos o seu amaño para que que os efectos devastadores das olas no futuro sexan menores. É urxente a súa reparación e a vindeira semana xa poderían estar aquí os operarios que procederán a realizar eses traballos”.

Pardo Bazán

O alcalde referíuse hoxe á xuntanza que convocou para o vindeiro 30 de novembro ás 20:30 horas no Concello co fin de analizar a posible peatonalización da rúa Pardo Bazán. Llano sinalou que “foron convocados os que están entre a esquina do parque onde está a farmacia ata o remate con Eijo Garay. Ímolos informar da posibilidade de peatonalizar parte dese vial, todo isto ven motivado pola demanda existente por parte dos pais e nais que levan aos seus nenos ao parque, moitas veces os nenos saltan á rúa sen mirar e por seguridade sería bó levar adiante este medida. Tamén se lle daría singularidade á zona cara o futuro, serviría para pasear e para aproveitar para cuestións comerciais ou de recreo”. O rexedor burelés explicou que “imos escoitar as opinións de veciños e de comerciantes. A peatonalización non se vai facer de xeito inmediato, será algo cara o futuro, o que faremos é ir vendo ata onde se pode chegar. Espero que no encontro cheguemos a unha conclusión que sexa do agrado de todos”.

Pleno ordinario

No pleno ordinario celebrado onte no Concello aprobóuse por unanimidade a ordenanza reguladora da administración electrónica. Cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE e BNG) e cos votos en contra do PP quedou aprobada a memoria da programación da radio municipal de Burela e tamén cos votos favorables do bipartito e a abstención dos populares foi aprobada a designación dos representantes dos consellos escolares nos centros educativos. Á sesión de onte o equipo de goberno presentaba unha moción sobre a violencia de xénero, o alcalde dixo que “os populares presentaron unha enmenda a dita moción e refundimos as dúas propostas nun texto que foi aprobado tamén por unanimidade”.

Exit mobile version