Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social quedará en 10,5 millóns de euros

Nota de Prensa

A Deputación iniciará as obras do Centro de Recría no 1º  trimestre do ano se a Xunta concede en tempo e forma o permiso ambiental

– A Vicepresidenta Segunda reclama ó goberno autonómico a axilidade nos prazos, xa que se trata do proxecto máis agardado por todos os gandeiros

– O alto grao de execución dos proxectos europeos Innova-TE e Pacto Provincial polo Emprego permite un adelgazamento do Orzamento do INLUDES ata os 10 M€ en 2011

– Lara Méndez destaca que “é o presuposto do cumprimento dos grandes programas que esixían grandes anualidades e que corresponden os grandes retos como a implantación da eadministración na provincia ou a creación de traballo estable”

– Realizarase un grande esforzo no control do estado de gastos, de tal xeito que dentro deste capítulo as retribucións de persoal descenden un 12,37% con respecto a 2010 e crearanse as primeiras bolsas para potenciar ós mais e deseñadores máis punteiros de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este martes o Orzamento do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) para 2011 que sufre un lixeiro adelgazamento debido ó alto grao de execución no que se atopan os programas europeos Innova-TE –do que xa está comprometido o 100% do investimento- e Pacto Provincial polo Emprego, cofinanciados nun 70% por Fondos FEDER en nun 80% polo Fondo Social Europeo, respectivamente. Deste xeito, o Presuposto, que está avalado polo Plan Económico-Financieiro que lle permite ó organismo provincial acadar a estabilidade presupostaria neste ano, cífrase en 10.519.986 euros e será aprobado o xoves polo Consello Reitor.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “sufre un lixeiro adelgazamento a consecuencia de que rematamos todos os programas nos que levamos traballando dende 2009 cofinanciados por Europa. Estes proxectos desenvólvense por anualidades, polo que a achega do último ano é menor. Por iso, o Orzamento global baixará uns 3 millóns de euros”.

Asimesmo, a titular da Área de Promoción Económica e Emprego puntualizou que “é un Orzamento realista, tal e como esixe a situación económica actual que nos obriga a facer unha política austera, realizando un grande esforzo no control do estado de gastos”. Neste senso, salientou que, dentro deste capítulo as retribucións de persoal descenden un 12,37% con respecto a 2010, debido á diminución de cargas sociais e ó mantemento da reducción do 5% das retribucións.

Inicio das obras do Centro de Recría se resposta a Xunta

O Orzamento contempla catro liñas de actuación principalmente. A primeira, a aposta polo sector agrogandeiro e polo medio rural como unha alternativa de futuro. Neste senso, Lara Méndez anunciou que a Deputación iniciará as obras do Centro de Recría na Granxa Gayoso Castro no primeiro trimestre de 2011 sempre e cando a Xunta de Galicia lle conceda ó organismo provincial en tempo e forma a declaración de impacto medioambiental; requisito indispensable para poder comezar cos traballos.

“O Pacto polo Campo, que sempre pide o Presidente a todas as administracións, vai da man do primeiro Centro de Recría público de España de gando frisón. Aproveito a ocasión para reclamar á Xunta por enésima vez que nos conceda a declaración de impacto medioambiental, xa que é o investimento máis agardado polos gandeiros da provincia”. A este respecto, destacou que o proxecto máis revolucionario do agro galego é un exemplo do forte compromiso que a Deputación mantén co sector malia que non ten competencias directas nesta materia, xa que esta é unha cuestión que lle atinxe ó Goberno galego, quen vén de recortar nun 21% o presuposto da Consellería para o vindeiro ano, é dicir, 134 millóns menos para o rural.

A administración electrónica en tempo récord

A segunda liña de actuación inclúe o remate da implantación da administración electrónica na provincia co programa Innova-TE. No ano 2011 culminarase a administración sen papeis, aberta as 24 horas do día e os 365 días do ano, grazas a que a Deputación, a través do INLUDES, concluirá o programa máis ambicioso de Galicia en canto a TICs se refire, tanto en presuposto como por prazos: 9 millóns de euros que garanten a eadministración en menos dun ano.

A partida destinada para esta actuación ascende a 1.365.000 euros porque a restante cantidade que completa o orzamento toal está en plena execución. “Con todo, de nada serve que nós estemos dotando tecnoloxicamente ós Concellos e rematemos nun tempo récord o proxecto se a Xunta non dota á provincia da banda ancha ata 2013 como ten previsto. É dicir, dous anos tarde”.

Dentro do Innova-TE, a Vicepresidenta Segunda anunciou varias actuacións que se acometerán de xeito inmediato, e que estarán a pleno rendemento o vindeiro ano:

a) Dos 51 Concellos que, voluntariamente se sumaron á iniciativa, unha vintena xa aprobarán este mes a Ordenanza que dá validez legal ós 120 trámites que poderán realizar os seus veciños a través da Rede; documento que foi redactado e trasladado pola Deputación ós municipios.

b) 26 Concellos xa aceptaron o prototipo de portal web creado dentro do programa tecnolóxico. Nas vindeiras semanas moitos deles entrarán de funcionamento.

c) O 1 de xaneiro o Boletín Oficial da Provincia deixará de editarse en papel e pasará a dixital, o que lle permite aforrar á Deputación 400.000 euros.

e) E, a principios de ano, entrará en funcionamento o primeiro Centro de Asesoramento Empresarial da provincia “co que fomentamos a creación de emprego e conseguiremos que as empresas sexan máis competitivas mediante o uso das novas tecnoloxías”.

Complementario ó Innova-TE tamén se rematará o Parnet-TIC, o proxecto transfronteirizo no que participan 8 administracións locais de España, Francia e Portugal, e que contará cunha partida de 68.066 euros.

Creación de emprego e medio ambiente

En 2011 concluirase o Pacto Provincial polo Emprego, o programa cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo para crear traballo. A partida que se destina a este fin é de 630.893 euros. Nestes momentos, estase rematando de baremar as probas realizadas recentemente para ter a selección dos 540 desempregados da provincia que se formarán profesións con máis futuros da provincia. Dentro desta liña de actuación, tamén se manterán as axudas para impulsar o tecido empresarial da provincia cunha partida específica de 554.000 euros, e incrementaranse as axudas para o desenvolvemento de feiras agrogandeiras, artesanais, pesqueiras e de promoción dos produtos autóctonos. Neste caso, o cantidade que se reserva é de 191.000 euros.

A derradeira liña de actuación é seguir apostando polo medio ambiente. Neste senso, baixo o nome de Lugo Enerxía, Lara Méndez adiantou que en decembro estará a pleno rendemento no INLUDES a Axencia Provincial da Enerxía, que conta cun investimento de 432.062 euros para o vindeiro ano. Ademais, destinaranse 312.750 euros á mellora dos Centros de Interpretación da Natureza que xestiona o INLUDES.

Centro de Artesanía e Deseño

O Centro de Artesanía e Deseño manterá para o vindeiro ano o orzamento, 1.694.299 euros, para seguir apoiando ós artesáns da provincia neste momento de crise e para seguir innovando na Capela de Santa María, que coas 7 exposicións que acolleu no último ano imprimiulle maior ritmo á súa actividade. Un exemplo é a mostra internacional de Leonardo da Vinci que será inaugurarada este xoves. Asimesmo, por primeira vez crearanse unhas bolsas para premiar e potenciar ós artesáns da provincia e ós deseñadores máis punteiros.

Exit mobile version