Site icon Crónica3.com A Mariña

O parlamento aprobou unha iniciativa para que a Xunta diagnostique e trate unha posible enfermidade dos eucaliptos do Souto da Retorta, anuncia o PP

Nota de prensa

A proposición non de lei pide tamén que, en caso de confirmarse a praga, se estudie a súa evolución no resto da zona

O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DE EMMA ÁLVAREZ CHAO PARA QUE A XUNTA DIAGNOSTIQUE E TRATE A POSIBLE ENFERMIDADE QUE AFECTA AOS EUCALIPTOS DO SOUTO DA RETORTA

* A voceira de Montes do Grupo Popular salientou na Comisión de Agricultura que o maior potencial arbóreo galego atópase no litoral norte e que as plantacións de eucalipto constitúen un dos motores económicos da Mariña lucense, onde xeran unha importante riqueza.

Santiago, 3 de novembro de 2010.- A Comisión de Agricultura do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa presentada pola voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, destinada a que a Xunta diagnostique e trate a posible enfermidade que afecta aos eucaliptos do Souto da Retorta, en Viveiro. O tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín foi declarado Monumento Natural en abril de 2000, o que, para a deputada popular, “implica protección por parte da Administración dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sitemas vitais básicos existentes na zona”.

A proposición non de lei pide tamén que, en caso de confirmarse a praga, se estudie a súa evolución no resto da zona, despois de que veciños e visitantes do Souto da Retorta coincidiran en advertir de que os eucaliptos do dito espazo perderon unha importante cantidade de folla, chegando a secar algunha destas árbores xa centenarias, polo que é posible que sexa vítima dalgunha praga como a do goniptero, que afecta a esta especie de eucalipto. A iniciativa presentada por Álvarez Chao insta igualmente á Xunta a facer un seguemento posterior, unha vez tratado o eucaliptal, para verificar a efectividade da actuación.

O MAIOR POTENCIAL ARBÓREO GALEGO

A voceira de Montes do Grupo Popular salientou na Comisión de Agricultura que o maior potencial arbóreo galego atópase no litoral norte e que as plantacións de eucalipto constitúen un dos motores económicos da Mariña lucense, onde xeran unha importante riqueza. Desde Valdoviño a Ribadeo, apuntou Álvarez Chao, “se mantén certa cultura forestal, existindo un número importante de empresas transformadoras de madeira, así como un número importante de aserradeiros e rematantes”. Un aproveitamento forestal, engadiu, que “propicia que a incidencia dos incendios forestais sexa moi escasa, sendo a zona de Galicia con menos actividade incendiaria”.

O Eucaliptal de Chavín foi creado en 1875 por José Barro,  propietario da antiga fábrica téxtil de Chavín e hoxe en día é patrimonio da Xunta de Galicia e está declarado como Monumento Natural. Ten unha masa eucaliptal da especie eucalyptus globulus composta por uns 600 exemplares, os máis novos dos cales foron plantados en 1912. Entre estes exemplares destaca o coñecido como o “Abó”, que supera os 80 metros de altura, cun diámetro superior aos 2,5 metros e un perímetro de tronco duns 10,5 metros. O Servizo de Conservación da Natureza sitúao como o que ten un maior volume de madeira, uns 75 metros cúbicos, e a documentación existente indica que é un dos máis grosos de Europa.

Exit mobile version