Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba a mellora na operatividade do Servizo de Gardacostas

Nota de prensa:

O Parlamento aproba a mellora na operatividade do Servizo de Gardacostas na loita contra a contaminación e na vixilancia pesqueira impulsada dende a Xunta de Galicia
Santiago, 9 de novembro de 2010.- Coa modificación da Lei 2/2004, do 21 de abril, do Servizo de Gardacostas de Galicia aprobada hoxe no Parlamento de Galicia, sae adiante a reforma impulsada dende a Xunta para a mellora da operatividade deste servizo. Este organismo, creado ao abeiro da Consellería do Mar, cumpre funcións de inspección e vixilancia pesqueira, control do medio mariño, prevención e loita contra a contaminación e salvamento marítimo, co que o Servizo de Gardacostas incrementará a súa eficacia nestes eidos.

A novidade reside en que, ás tres escalas que contemplaba a Lei 2/2004, (técnica, executiva e de axentes) engádeselle unha cuarta escala, a operativa, coa finalidade de delimitar mellor as funcións que debe desempeñar o persoal integrante de Gardacostas. Así, a estas escalas establecidas en función do nivel das titulacións dos Gardacostas, engádeselle a operativa que se refire especificamente a patróns e mecánicos recoñecendo así esta categoría que implica o manexo das embarcacións e que vén sendo solicitada por moitos dos profesionais do Servizo.

A maiores, esta modificación da Lei suprimirá o límite de idade para o acceso a novas prazas podendo exceder os 35 anos. Deste xeito, a idade non vai supór un obstáculo para o desenvolvemento dunhas funcións que se poden levar a cabo sen que superar esta franxa poida ser unha merma na eficacia e na calidade do servizo a desenvolver.

O obxectivo desta actuación responde a un compromiso da Consellería do Mar de mellorar aqueles aspectos solicitados polo propio persoal de Gardacostas e que non foron cambiados durante a anterior etapa de goberno, a pesar de que o parte do persoal de Gardacostas non estaba conforme, cuestión que provocou a negativa dalgúns traballadores a manexar as embarcacións sen que a súa condición de patrón ou mecánico estivera recoñecida na Lei.

Cabe lembrar que a mellora do Servizo de Gardacostas comezou coa actual Xunta coa implantación do sistema H-24 nas bases de Vigo e Celeiro, no mes de xuño do ano pasado e en xaneiro do 2010, respectivamente e na posta en marcha do Plan de Loita contra o Furtivismo en xullo de 2009. Tamén coa adquisición da embarcación Ría de Vigo, adscrita á EMSA, en maio de 2009. Outra das actuacións nas que traballa a Consellería nesta materia é precisamente na revisión do Plan de Continxencias, coa finalidade de gañar en efectividade e eficacia á hora de actuar ante as situacións de contaminación mariña o accidentes que puideran producirse.

Exit mobile version