Nota de prensa:
Na comparecencia do presidente da Deputación de Lugo ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento, o deputado popular recordou que o bipartito provincial desenténdese dos intereses dos lucenses ao dar ás costas aos sectores produtivos básicos e esquecer o deber de cooperación cos concellos
BALSEIRO SUBLIÑA NO PARLAMENTO QUE GÓMEZ BESTEIRO PASARÁ A HISTORIA POR DIRIXIR O GOBERNO PROVINCIAL
“MÁIS CARO E INEFICIENTE”
* A presentación dos orzamentos efectuada hoxe no Parlamento non é máis que un exercicio de “publicidade e propaganda” xa que o Executivo provincial, cando chega a hora da verdade, non executa as súas propias contas: Menos do 11% no grado de execución dos investimentos reais no primeiro semestre de 2010, cifra que cae ata o 4% se falamos do INLUDES.
* A aposta pola austeridade da Deputación de Lugo tamén inclúe multiplicar o número de dedicacións exclusivas e de contratos efectuados a dedo, pasando de cero a 30 asesores neste mandato.
* Os defectos, erros e deficiencias da fallida fórmula do bipartito na Xunta trasladáronse á xestión diaria do executivo provincial ata o punto de que o propio BNG, socio de goberno, reclama a supresión da Deputación nun claro exemplo de auto moción de censura ante a deficiente xestión desenvolvida nestes catro últimos anos.
Santiago, 8 de novembro de 2010.- O deputado popular José Manuel Balseiro acusou hoxe ao Presidente da Deputación de Lugo de incumprir os compromisos acadados coa provincia na súa toma de posesión e de dar as costas aos seus sectores productivos básicos. Balseiro fixo estas consideracións a raíz da comparecencia de Gómez Besteiro na comisión de orzamentos do Parlamento de Galicia. O parlamentario lucense cualificou a presentación das contas do ente provincial para o ano próximo como un exercicio de publicidade e propaganda, “dúas características que definen moi acertadamente a xestión da Deputación” e xustificou esta consideración no feito de que se tratan duns orzamentos “irreais” que ano tras ano presenta ante esta Cámara “con enorme grandilocuencia pero non executa”. De feito Balseiro indicou que, segundo os datos oficiais da intervención provincial, no primeiro semestre do ano 2010 o goberno provincial tan só tiña executado o 11% do seu orzamento en investimentos reais, unha cifra que cae ata o 4,05% se falamos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) precisamente o organismo encargado da promoción e apoio dos sectores estratéxicos como o agropecuario, PEMES, apoio á investigación e promoción do emprego. Este “pobre balanzo” do funcionamento do INLUDES atribuíullo á colocación ao fronte do organismo provincial de cargos políticos, persoal orgánico do partido socialista.
En sede parlamentaria o deputado popular auguroulle ao presidente da Deputación de Lugo que pasará á historia por ser o Presidente das deputacións de Galicia co goberno “máis caro e ineficiente”. De feito lembrou que foi no seu mandato o que máis incrementou o número de dedicacións exclusivas (pasando de custar 150.000 euros a preto de 800.000) e que multiplicou o número de asesores contratados a dedo, que pasaron de cero a 27 e o que elaborou unha Relación de Postos de Traballo (RTP) que fomenta a segregación de traballadores, por razóns políticas, aínda a pesar de ter idéntica categoría profesional. Para Balseiro, estes comportamentos están completamente fóra de lugar nun momento no estamos a afrontar unha das peores crises da nosa historia recente, chocando ademais cos compromisos de austeridade que deberan presidir a actuación das administracións públicas.
SEN COOPERACIÓN
O deputado lucense tamén explicou que os principios de cooperación, colaboración institucional e asistencia aos concellos non se ven reflectidos nos orzamentos da Deputación provincial para o ano 2010. De feito subliñou que gran parte das actuacións e investimentos “estiveron paralizados durante 3 anos e agora, como un malo estudante que espera a o último día antes do exame para estudar, pretende executalos a toda velocidade, mais non poderá evitar o suspenso, neste caso, o fracaso ante a cita coas furnas”. Balseiro lembrou que actuaron tarde e mal no plan de conservación e mellora das estradas provinciais (multiplícanse as queixas polo estado das vías de titularidade provincial nos distintos concellos), e tamén no tocante aos plans de obras en comunidades veciñais (neste caso foron un perfecto exemplo de sectarismo político, favorecendo aos concellos gobernados polo bipartito)
RÉPLICA DA FALLIDA FÓRMULA DO BIPARTITO AUTONÓMICO
Balseiro Oriol salientou que “os defectos, erros e deficiencias da fallida fórmula do bipartito na Xunta” trasladáronse á xestión diaria do executivo provincial porque, recalcou Balseiro, “vostede a pesar de ser o seu presidente, tan só xestiona as áreas socialistas do goberno”. “Un goberno que son dous, e que actúan sen coordinación”, recalcou, “chamado ao fracaso”. Nesa liña lembrou que o propio socio de goberno de Besteiro anticipouse á moción de censura do feito durante estes catro últimos anos cando reclamou a través dunha moción a supresión das Deputacións entre elas, a de Lugo.
DÉBEDA MULTIPLICADA POR DEZ
O deputado popular acusou finalmente a Gómez Besteiro de ser un “xestor ineficiente” posto que, á vez que peca de falta de capacidade para executar ás súas contas, comete outro grande erro “multiplicar por dez a débeda da Deputación provincial”. De feito o deputado popular salientou que o ente provincial pechará o ano cunha débeda de 63,69 M€, co que ademais de ser o goberno máis caro da historia é tamén o que hipotecou o seu futuro, pois cada lucense terá que pagar 180 euros para compensar os desatinos económicos do Executivo de Besteiro.
En contraste coa falta de compromiso da Deputación, Lugo superará os 1.000 euros de investimento por habitante segundo as previsións elaboradas pola Xunta para 2011 unha cantidade que case duplica ás que reciben as provincias da Corura (596€) e Pontevedra (646€) e síntoma dunha clara política de reequilibrio territorial e discriminación positiva para Lugo.A isto hai que sumar os efectos positivos da Plan Impulsa, que leva xerado un investimentos de 103 M€ e contribuíu a crear 400 empregos.