Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela pide máis medios para Protección Civil e formación para o persoal municipal

Nota de prensa

O GMPP pide máis medios para Protección Civil e formación para o persoal municipal implicado.
Os populares afirman que o investimento na materia nos últimos tres anos foi “ridículo”.
Consideran que o alcalde “non se preocupa da protección civil”.

O Grupo Municipal do Partido Popular (GMPP) de Burela está convencido de que o alcalde e o bipartito non teñen apostado por ter actualizado o servicio de protección civil e tampouco por formar axeitadamente ó persoal do concello implicado na materia. Esta desidia tén desembocado nunha falla absoluta de capacidade de actuación dos medios municipais, o que repercute negativamente na seguridade dos cidadáns do concello.
Os populares afirman que o material “é o mesmo que deixou o PP despois das eleccións de 2007, e cómpre lembrar que o camión de bombeiros co que conta o concello foi adquirido precisamente nos últimos meses de goberno do PP. Non se fixo ningunha adquisición a maiores, como o demostra que neste ano 2010 os presupostos para mantemento e adquisición de material sexa de dous mil euros, lonxe dos trece mil destinados nos presupostos de 2007 aparte da aportación para a adquisición do camión de bombeiros, cando resulta que se despilfarraron alegremente en 2009 seiscentos mil euros en gasto diverso sen ningún tipo de control político, ou se anda a mirar a posibilidade de contratar tres camellos para a cabalgata de Reis que costarían dez mil euros”. Evidentemente, afirman desde o GMPP, “para o alcalde e o bipartito prima máis a propaganda e o autobombo ca a seguridade dos veciños e veciñas deste concello”.
Ademais, os populares alertan que “o persoal de GRUMIR e do GMIR contrátase por amiguismo e, o peor de todo, non reciben ningún tipo de formación para poder desempeñar con un mínimo grao de eficacia o seu cometido. Este persoal está sendo usado para todo tipo de labores, mesmo atender a biblioteca, o que en si non e malo, pero non se está investindo nada, nin tempo, nin cartos, na súa formación, e esto sí que é preocupante, porque o obxectivo básico do GRUMIR é velar pola seguridade dos cidadáns do concello e actuar en caso de risco ou accidente”.
Para os populares, Burela está a ter unha dependencia excesiva de Cervo, e esto nótano todos os cidadáns, que mesmo chaman antes a Cervo ca chaman ó concello burelés cando hai un problema. Polo tanto, non nos debería sorprender que nos comencen a cobrar polos servicios que prestan, porque ese servicio, o de Cervo, págano os cidadáns dese concello cos seus impostos e a Burela están vindo gratis.
Ademais, os populares lamentan a nula política informativa que se fai de cara á cidadanía. Na etapa de goberno popular no concello burelés, se facían folletos informativos que se distribuían entre a cidadanía, se facían simulacros, mesmo nos centros de ensino, etc. Agora non se fai nada. En definitiva, a protección civil e a seguridade cidadá pasou de ter un peso específico na política municipal a non ser en absoluto valorada nin polo alcalde, máxima autoridade municipal na materia, nin polo bipartito.
Os populares lembran as críticas feroces que tanto PSOE coma BNG facían, durante a etapa de goberno popular, cada vez que había un sinistro, criticando a inexistencia de medios, esquecendo que a protección civil era absolutamente inexistente antes do goberno do PP e todo o que hai feito en Burela na materia fíxose baixo mandato municipal popular. Pois ben, como os medios son os mesmos, teríamos que concluir que agora tamén son inexistentes: o que hai que facer é melloralos e formar ó persoal municipal implicado no seu uso correcto e eficaz.
Por eso, o PP presenta unha moción para que o concello de Burela asuma as súas competencias, que as tén, lonxe do debate dos parques de bombeiros. E decimos esto porque se efectivamente todos estamos de acordo na canto antes mellor posta en marcha dos parques de bombeiros, non é menos certo que Burela tén que contar cun servicio propio ou cando menos aproveitar ó máximo os recursos cos que conta e mesmo melloralos.
Na moción, solicítase textualmente o seguinte:
1 .- O Concello de Burela organizará actividades de formación en materia de protección civil e extinción de incendios para o persoal do concello implicado nos ámbitos citados coa periodicidade suficiente para garantir a eficacia na súa actuación.
2 .- O Concello de Burela consignará nos presupostos municipais de 2011 a contía de trinta mil euros para millorar o equipamento en materia de protección civil e extinción de incendios.
Parécenos de xusticia facer esta petición, porque hai verdadeira indignación na cidadanía, e a corporación tén que ser sensible ante estas demandas, porque coa seguridade das persoas non se xoga.

Exit mobile version