Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP explica que non se referiu ao candidato do PSOE de Ribadeo “e antes alcalde do BNG como tránsfuga”

Nota de prensa

A deputada salienta que a súa iniciativa en relación coa Ponte de Arante “concorda totalmente coa actuación do Goberno galego”, polo que Gutiérrez “minte” ao afirmar o contrario

ÁLVAREZ CHAO LAMENTA QUE O ALCALDABLE DO PSOE FAGA GALA DA SÚA FALTA DE ARGUMENTOS ACUDINDO Á FALSIDADE, AO ATAQUE PERSOAL E Á INSIDIA

* “Diríase que o señor Gutiérrez anda preocupado polo tema do transfuguismo despois de que o seu partido rachara o pacto a nivel nacional”, afirma a parlamentaria, quen lembra que “eu non me referín ao candidato do PSOE e antes alcalde do BNG como tránsfuga”, senón que é el “o que fala do tema”.

Santiago, 11 de novembro de 2010.- Tras as declaracións de Eduardo Gutiérrez sobre a iniciativa presentada pola deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao en relación coa ponte de Arante, a parlamentaria lamenta que o alcaldable do PSOE e ex-alcalde do BNG faga gala da súa falta de argumentos acudindo á falsidade, ao ataque persoal e á insidia. “Pouco promete como candidato a alcalde quen empeza xa con manifestacións públicas que manipulan a realidade e que, lonxe de achegar argumentos serios, se centran en criticar á persoa e non á súa acción política”, apunta Álvarez Chao, quen indica, doutra banda, que Gutiérrez “debera acompañar as súas afirmacións dun manual para entendelas, porque di cousas que dubido moito que sexan comprensibles para ningún cidadán”.

A deputada salienta que a súa iniciativa en relación coa Ponte de Arante “concorda totalmente coa actuación do Goberno galego”, polo que Gutiérrez “minte” ao afirmar o contrario. Nese sentido, respóstalle ao candidato do PSOE que a proposición non de lei presentada na Cámara insta á Xunta de Galicia a levar a cabo cantas medidas e acordos sexan necesarios para axilizar o arranxo da ponte, atendendo a criterios técnicos. Algo que en absoluto se contradí con Augas de Galicia, que bota por terra o proxecto da Deputación, “igual que o fixo Patrimonio” e informa de que o novo proxecto debe ser acorde coa contorna e atendendo aos criterios técnicos de Patrimonio.

TRANSFUGUISMO

Doutra banda, Alvarez Chao amosa a súa sorpresa pola irritación que lle produce a Eduardo Gutiérrez o recordo da súa antiga pertenza ao BNG. “Eu non teño ningunha preocupación por saber nin cando nin por qué nin en qué condicións deixou a formación política que o levara á Alcaldía de Ribadeo”, afirma a deputada, quen entende que “a quen lle debe dar estas explicacións é aos seus potenciais votantes”. Sen embargo, “diríase que o señor Gutiérrez anda preocupado polo tema do transfuguismo despois de que o seu partido rachara o pacto a nivel nacional”, afirma a parlamentaria, quen lembra que “eu non me referín ao candidato do PSOE e antes alcalde do BNG como tránsfuga”, senón que é el “o que fala do tema”.

Exit mobile version