Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pídelle á Xunta que axilice o arranxo da ponte de Arante atendendo a criterios técnicos

Nota de Prensa

A través dunha iniciativa parlamentaria que persegue garantir aos veciños de Arante que o Goberno galego fará todo canto estea nas súas mans para repoñer á normalidade a circulación pola ponte, danada a principios de xuño a consecuencia dos efectos causados polo temporal Doris

OS DEPUTADOS MARIÑANS DO GRUPO POPULAR INSTAN Á XUNTA A LEVAR A CABO CANTAS MEDIDAS E ACORDOS SEXAN NECESARIOS PARA AXILIZAR O ARRANXO DE A PONTE DE ARANTE, EN RIBADEO, ATENDENDO A CRITERIOS TÉCNICOS.

Lembran que unha vez actuado na ponte a situación será irreversible, polo que cómpre garantir que a solución final sexa a correcta

Santiago, 5 de novembro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular, a través da súa deputada Emma Álvarez Chao, ven de rexistrar na Cámara unha proposición non de lei na que insta á Xunta de Galicia a que poña os medios e facilite os acordos necesarios para que a Deputación Provincial de Lugo -administración competente neste ámbito- poida restablecer á normalidade “A Ponte de Arante”, en Ribadeo, atendendo a criterios técnicos, de tal xeito que os veciños, peregrinos e visitantes desta localidade non teñan que facer trazados alternativos que supoñen atrasos superiores á media hora.

A iniciativa parlamentaria persegue garantir aos veciños de Arante que o Goberno galego fará todo canto estea nas súas mans para repoñer á normalidade a circulación pola ponte, danada a principios de xuño a consecuencia dos efectos causados polo temporal Doris, que afectou a Mariña de Lugo os días 10 e 11 de xuño.

A deputada popular interesouse por esta cuestión despois de constatar que xa pasaron cinco meses desde que a ponte quedou danada e cómpre, polo tanto, executar a obra pertinente con carácter de urxencia. “Xa que logo, hai que ter en conta que o inverno está á volta da esquina e as inclemencias meteorolóxicas poden causar danos maiores.”, apunta Emma Álvarez, que busca a través desta iniciativa de impulso á acción do Goberno un mandato expreso do Parlamento para que a solución a esta problemática non se dilate no tempo.

ADOPTAR A SOLUCIÓN CORRECTA

A deputada popular explicou que aínda que esta ponte data do ano 1923, “é importante que manteña características propias do entorno en que se atopa” e lembra, a ese respecto, que o Camiño de Santiago do Norte descorre sobre ela e está ubicada ao carón da capela das Virtudes do s. XV, “unha edificación inventariable como ben patrimonial”. De feito, ese é o motivo que leva aos populares a apoiar os informes iniciais da Dirección Xeral de Patrimonio, “partidaria de restaurala atendendo a consideracións técnicas e de concordancia co entorno”, fronte ao que pretendía a Deputación Provincial de Lugo, partidaria da súa demolición “sen xustificacións técnicas que avalaran o proxecto presentado”. Emma Álvarez lamentou que esta falta de acordo “se traduza nun retraso de cinco meses na execución da obra”, mais subliñou que, sexa cal sexa a decisión final, “unha vez actuado sobre a ponte, a situación será irreversible e polo tanto, cómpre adoptar a solución correcta, sen espazo para o erro ou futuras lamentacións”

Os populares subliñan tamén na súa iniciativa que “aínda que consideramos que o Patrimonio Cultural se debe preservar, tampouco iso significa desprezar os  requisitos establecidos no actual Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, reflectidos na resolución de autorización de Augas de Galicia”. Emma Álvarez indicou que o devandito informe incidía na necesidade de salvar o río mediante unha ponte dun só van que permita mellorar a súa capacidade hidráulica baixo as directrices da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

SAÍR AO PASO DAS CRÍTICAS POLÍTICAS

Ao mesmo tempo, a deputada popular quere saír ao paso das acusacións vertidas polo candidato socialista no Concello de Ribadeo, que o único que pretende “é buscar o rédito político” dun feito que entorpece aos veciños. “Parece que ao Sr. Gutierrez pódelle máis a crítica que o talante para chegar a acordos entre as disintas administracións implicadas”, comportamento que achaca a que o candidato socialista “aínda non tivo tempo de comprender o talante do que presume o seu agora lider, o Sr. Zapatero”. “Non tivo tempo de asumilo polo pouco que leva na formación tras o seu cambio de chaqueta, despois de ser alcalde de Ribadeo durante varios anos baixo outras siglas, isto si é digno do clube da comedia”. Emma Álvarez recordoulle ao Sr. Gutierrez que “o único sectarismo que sufríu a Mariña foi precisamente durante o mandato bipartito, onde algún conselleiro socialista non foi quen de recibir a alcaldes mariñáns do PP en todo a lexislatura”.

A deputada tamén valorou as declaracións do Sr. Alcalde, lembrándolle que “o lamentable é tratar de impoñer un proxecto sen valorar os informes técnicos que o acompañan”. De feito, unha vez coñecido o informe de Augas de Galicia, contraditorio co da Dirección Xeral de Patrimonio, ténicos de ambalas dúas consellerías se reuniron para acadar o acordo inmediato de cumprir os requisitos establecidos no actual Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa xuntamente coas directrices da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Feitos contrastables e que foron comunicados áDeputación ao remate da reunión.

Exit mobile version