Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Xunta di que a banda ancha na internet chegará ao 100% da poboación no 2014

Nota de prensa:
O presidente da Xunta comprobou durante a visita, esta mañá, a unha explotación gandeira a evolución da banda larga no rural, “clave para que calquera gandeiro poda realizar todos os trámites que precise sen saír da explotación; poda ter unha oficina virtual 24 horas, 365 días ao ano”

FEIJÓO DESTACA QUE 250.000 GALEGOS MÁIS TERÁN ACCESO A INTERTET A FINAIS DE ANO CO PLAN DE BANDA LARGA, ATA CHEGAR AO 100% DA POBOACIÓN NO 2014

 “Imos a seguir levando internet onde non existe; a conquerir que o 100% das explotacións gandeiras, dos colexios públicos, das empresas, dos polígonos …, con independencia da súa localización, teñan acceso a internet e que, por fin, as infraestruturas do século XXI cheguen a Galicia a tempo”, asegura
 Destaca que “hai 35.000 lucenses que teñen internet e que antes non tiñan”; “estamos dando acceso a internet a 1.700 núcleos de poboación que antes non o tiñan”
 Di que este plan romperá a fenda entre a Galicia atlántica e a Galicia do interior e marcará “un antes e despois dunha Galicia igualitaria, dunha Galicia igual en todos os lugares onde se viva”

Taboada, 26 novembro 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou esta mañá que, grazas ao Plan de Banda Larga, 250.000 galegos máis terán acceso a internet a finais deste ano. “Temos un proxecto que se chama Banda Larga, no que estamos a traballar e no que estamos avanzando. Cando empezamos este proxecto, fai oito meses, -aseverou- 750.000 galegos non tiñan acceso a internet e, hoxe, podemos concretar que, a finais deste ano 2010, o 72% da poboación galega terá acceso a internet e a finais de 2011, o 82% dos galegos; e así iremos avanzando ata chegar ao 100% da poboación galega no 2014”.

Durante a visita ás instalacións dunha explotación gandeira no Concello de Taboada, Feijóo afirmou que a Xunta -cun investimento de 100 millóns de euros- traballará para cumprir o obxectivo da Axenda Dixital 2014. “Imos a seguir levando internet onde non existe; a conquerir que o 100% das explotacións gandeiras, dos colexios públicos, das empresas, dos polígonos …, con independencia da súa localización, teñan acceso a internet e que, por fin, as infraestruturas do século XXI cheguen a Galicia a tempo”.

O responsable do Goberno galego puido comprobar durante a visita a esta explotación a evolución da banda larga na comunidade; “comprobar –dixo- que é posible contactar coa Xunta de luns a domingo, todos os días e todos os meses do ano, que é posible dar de alta e de baixa unha cabeza de gando, consultar calquera tarifa, facer unha consulta permanente sobre a súa explotación; comprobar, en definitiva, que é posible traballar desde o rural coas mesmas posibilidades que en calquera cidade galega”.

Deste xeito, Feijóo subliñou a importancia de internet no rural, “clave –incidiu- para que calquera gandeiro poda realizar todos os trámites que precise sen saír da explotación; poda ter unha oficina virtual 24 horas, 365 días ao ano, para ter toda a información dispoñible e ter a posibilidade de tramitar todo o que necesite coa administración autonómica”.

No tocante á provincia de Lugo, o titular da Xunta destacou que “hai 35.000 lucenses que teñen internet e que antes non tiñan”, o que significa que “estamos dando acceso a internet a 1.700 núcleos de poboación que antes non o tiñan. Estamos actuando onde máis se necesita, na Galicia do interior, na Galicia agrícola para que podan traballar con máis ferramentas e con máis utilidade”.

Feijóo afirmou que este plan romperá a fenda entre a Galicia atlántica e a Galicia do interior e marcará “un antes e despois dunha Galicia igualitaria, dunha Galicia igual en todos os lugares onde se viva”. E reiterou o compromiso de aproveitar esta lexislatura para facilitar a toda a poboación de Galicia a cobertura de internet. “Os datos avalan que temos un proxecto ambicioso pero un proxecto que se pode executar. Temos o compromiso de que Galicia sexa das primeiras comunidades en ter infraestruturas do século XXI que son as infraestruturas tecnolóxicas, a banda larga, o internet; unha banda larga que permita manter a competitividade das nosas empresas, manter a competitividade de todas e cada unha das persoas que están traballando con independencia do seu lugar de traballo”, concluíu.

Exit mobile version