Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pedirá unha comisión de investigación sobre as retribucións das peonadas no hosptial da Costa

Nota de prensa:

O PSdeG PEDIRÁ A APERTURA DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE AS RETRIBUCIÓNS DAS PEONADAS NO HOSPITAL DA COSTA SE O PP NON FAI PÚBLICA A DOCUMENTACIÓN

Vázquez lembra que “o PP non foi capaz de dar explicacións sobre as tarifas dos médicos no Hospital de Burela” e acusa a Feijóo de “esconderse na defensa da honorabilidade médica” en lugar de “ir ao cerne da cuestión”

Sinala que o PSdeG non ataca aos profesionais senón que denuncia ao Goberno galego “por poñer en marcha un sistema perverso de retribucións”, e “hai que denunciar prácticas deste tipo”

Ofrece a “máxima colaboración” do PSdeG para estimular o consumo de xenéricos en Galicia, porque “ese é o camiño”, pero “nunca nos terán como aliados para reducir os dereitos terapéuticos dos galegos e galegas e para facer un catálogo que colisiona co sistema nacional de saúde”

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2010.- O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, anunciou hoxe que o PSdeG pedirá a apertura dunha Comisión de Investigación no Parlamento sobre o sistema de retribución das peonadas no Hospital da Costa, en Burela, en caso de que o PP non faga pública a documentación solicitada polos socialistas no prazo dun mes e medio. Así o avanzou Vázquez na rolda de prensa posterior á xuntanza da Permanente da Executiva do PSdeG, na que afondou na denuncia feita a pasada semana na sesión de control do Parlamento sobre esta cuestión.

“A día ade hoxe o PP non foi capaz de contestar cal é a causa para que existan dobres tarifas nas consultas externas do Hospital da Costa”, denunciou “e esconderse tras a defensa da honorabilidade médica, cando ninguén a puxo en dúbida, é evitar ir ao cerne da cuestión”.

Vázquez apuntou que a denuncia do PSdeG está baseada “nos datos facilitados por médicos do propio Hospital, que denuncian unha práctica absolutamente perversa por parte do Sergas”. Lembrou que todos os xornais galegos recolleron nas súas páxinas estas mesmas denuncias de médicos deste hospital.

Por elo, o líder socialista esixiu ao Goberno de Feijóo “que explique a todos os galegos e galegas como é o sistema de retribución neste hospital” porque “o que non pode haber é unha dobre tarifa en función de se o paciente sae ou non de alta”.

Vázquez considerou que “polo beneficio da sanidade pública, o Goberno galego ten que poñer enriba da mesa toda a documentación relativa ao número de consultas, pacientes e altas, e o sistema de tarifas do Hospital da Costa” e advertiu que “se no prazo dun mes e medio non o fai, usaremos os mecanismos parlamentarios, e si é necesario, pediremos a apertura dunha comisión de investigación”.

Preguntado polas críticas de Feijóo tras a denuncia realizada, Vázquez subliñou que “ninguén está a atacar aos médicos e á súa profesionalidade, porque eles son os que están a ter conta dun sistema que sofre extremas dificultades por parte do Sergas, e a inmensa maioría de profesionais non participan neste sistema de retribucións”. “O que estamos a denunciar é ao Sergas, e ao Goberno galego, por poñer en marcha un sistema perverso de retribucións”, destacou.

“Síntome orgulloso da miña profesión, dos meus compañeiros e compañeiras, e sobre todo síntome orgulloso de defender a sanidade pública”, afirmou Vázquez, á vez que apuntou que “hai que denunciar prácticas deste tipo, e facéndoo, lle fago un gran servizo á sanidade pública”.

Engadiu que “de non ser certo, é moi fácil aclaralo ensinando os datos e explicando cal é o modelo de retribución que se fai no Hospital de Burela, algo que o PP aínda non fixo a día de hoxe”. Na mesma liña, defendeu que o modelo de retribución das peonadas “ten que ser de tarifa única”.

Catálogo de medicamentos
Vázquez tamén se referiu á nova “marcha atrás” do Goberno galego respecto á posta en macha dun catálogo de medicamentos para Galicia. “Despois de meses, acábanse de dar conta de que iso non pode ser”, dixo Vázquez.

Ofreceu a “máxima colaboración” dos socialistas galegos para estimular o consumo de xenéricos en Galicia, e defendeu que “ese é o camiño, aí nos terán como aliados, pero nunca nos terán como aliados para reducir os dereitos terapéuticos dos galegos e galegas e para facer un catálogo que colisiona co sistema nacional de saúde”.

Vázquez preguntouse “ata onde chegará a campaña de cosmética do PP” para defender este novo cambio, e non recoñecer que era algo ilegal”. Criticou que o Goberno galego “gaste máis en campañas publicitarias para lavar a súa imaxe que no que realmente importa”. Así, cuestionou as insercións publicitarias realizadas pola Consellería de Sanidade nos últimos días xa que “non hai diñeiro para medicamentos e centros de saúde, pero si para pagar páxinas e páxinas de publicidade para dicir que a nosa sanidade pública é marabillosa”.

Eleccións catalanas
O líder socialista fixo un balance do resultado das eleccións catalanas, destacando a “alta participación” nestes comicios, cun “claro vencedor” como é CIU e un “importante revés” para o tripartito.

Vázquez enmarcou o resultado en “clave catalana” onde “as políticas identitarias, económicas e sociais que afectan a esa comunidade veñen de definir un modelo, marcado por unha amplísima victoria dun partido soberanista e unha importante baixada do PSC, xunto a unha discreta suba do PP e un amplo abano de formacións independentistas que dan unha extrema complexidade”á política catalana”.

Sinalou que “elementos como o rexurdimento da xenofobia, e o totalitarismo dunha parte da dereita, únense a elementos independentistas noutro extremo do abano, que poden ser moi complexos”.
Nesta liña, recoñeceu que a crise foi “un claro compoñente de factura”, que implicou a suba dos partidos da oposición.

“Isto evidencia que os gobernos autonómicos tamén sofren desgaste ante situación económica”, apuntou, á vez que engadiu que en Galicia “o PP, que ten a principal responsabilidade nas competencias económicas, debería dedicarse mais a xestionar a crise que a agocharse e deixar pasar os problemas buscando permanente confrontación”.

Exit mobile version