Site icon Crónica3.com A Mariña

Pancho: cen anos

O vindeiro día 28 compre cen anos de idade Francisco Lestegás, Pancho do Relámpago. Hoxe en día dáse con certa frecuencia que persoas cheguen a celebrar o centenario, pero posiblemente sexan moi poucas as que o fan nas condicións físicas e mentais das que disfruta Pancho; a tal punto que os focegos témolo por icono, testemuña de como é posible, con moitos anos, ter unha calidade de vida pracenteira, na que a actividade física e social non atope atrancos para o seu desenvolvemento por mor de deficiencias propias do deterioro de idades avanzadas. O centenario está acotío en movemento: xa sexa no entorno da casa labrega, nos mil labores que o mesmo demanda; tomando os viños cos amigos, en amenas parrafadas, botando a partida, ou varias veces á semana camiñando ata o Pico da Lebre, un esforzo non apto para moita xente ben mais nova que o noso heroe. Por certo, lugar de grande atractivo turístico, hoxe devaluado dado o estado en que se atopa a pista que leva a aquel fermoso miradoiro, así como da inexistencia de indicadores do mesmo, para información de hipotéticos turistas. Lugar ó que conducíamos a canto visitante chegaba ós nosos pagos, para que dende alí contemplase tan idílico panorama e o levase impreso en cámaras fotográficas e vídeos que amosaban despois polo mundo adiante, dando así a coñecer, ás persoas mais heteroxéneas, as belezas naturais marítimo-terrestres do noso concello. Na actualidade o paraxe está convertido en vertedoiro de inmundicias, abondoso de lixo, nalgunha medida vítima do vandalismo e polo tanto pouco recomendable. En días vindeiros van a celebrarse en Foz unhas xornadas de Turismo de Natureza; sería desexable que delas xurdira o propósito firme de recuperar, dignificar e potenciar tan interesante paraxe.

Pancho é un home do barrio focego de Marzán, de tradición labrega e mariñeira “onde as redes a enxugar están / no medio das medas e os medeiros do pan” que cantara hai medio século Manuel María. Él é o único supervivente dos socios fundadores do Pósito de Pescadores que, alentados polo mestre Toimil, o cura Fiallega e outros, se creara en 1929. Todo un personaxe.

Exit mobile version