Site icon Crónica3.com A Mariña

Puchades

O xornal tróuxonos a nova: o concello de Mondoñedo vai a proclamar Fillo Adoptivo a Juan Puchades Quiles, o mestre escultor que leva medio século na vella cidade non só impartindo as crases senon vivindo intensamente os avatares da súa sociedade.Chegara o valenciano en decembro do ano 1960 para tomar posesión da praza como profesor da Arte do Instituto.Tras dous días de estadía, nos que puido mergullarse en toda a beleza da cidade da Paula e no grande interese histórico e cultural que atesoura, voltou á Valencia da súa orixe, facendo propósito de esquecerse de Mondoñedo pois, con toda a súa innegable fermosura, resultáballe estrano á súa terra, mais cálida e luminosa; pero unha serie de circunstancias propiciaron que reconsiderase aquela intención inicial e volvese á cidade episcopal, na que considera a mellor decisión da súa vida, valoración que expresa a cotío e á que estamos seguros que non foi alleo Cupido, que puxo no seu camiño todo o engado dunha muller excepcional: Alicia Tella.

Como ensinante ó longo de tantos anos realizou un labor transcendente: basta só saber a cantidade de discípulos seus que se espallan por toda a bisbarra e fóra dela,  moitos deles nomes destacados no mundo da arte, que gardan para o mestre a mellor lembranza de gratitude, afecto e respecto, como a cotío podemos testemuñar os que mantemos con él unha relación próxima e entrañable.

Traballador, altruista, xeneroso para colaborar en toda iniciativa social e cultural, as súas obras prodíganse ó longo da xeografía galega, e mais alá, e o seu nome vai sempre vencellado ó da cidade que ahora o vai adoptar oficialmente como fillo. A tal punto é así que mais dunha persoa, pouco impostas en tal circunstancia, e ante a noticia da próxima adopción, nos preguntaron; pero Puchades ¿non é de Mondoñedo? A “vox pópuli” xa o da por mindoniense, tal é o grao de identificación da súa persoa coa fauna humana da nosa comarcal “cidade da cultura”.Este cronista, a quen o une unha fonda e vella amizade, celebra con ledicia o distingo, que o fai un pouco mais noso. Parabéns.

Suso Fernández

Exit mobile version