Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reparte unhas de 100 toneladas de sal para atender as incidencias por neve

Nota de prensa

A Deputación reparte preto de 100 toneladas de sal nas últimas horas para atender as incidencias por neve

– Máis de 40 operarios e máis de 30 máquinas están a traballar ininterrumpidamente para garantir a seguridade dos usuarios que circulen pola rede viaria provincial

– Arestora cómpre circular con precaución polas estradas de Cervantes, Pedrafita, Becerreá, Courel, Triacastela, O Incio e Navia de Suarna

A Deputación mantén despregado dende onte un amplo dispositivo para atender as incidencias ocasionadas polo temporal de neve que está a azotar a provincia, e que se prevé que continúe nas vindeiras horas. En total, están a traballar 42 operarios e 34 vehículos para garantir a seguridade dos centos de usuarios que circulen pola rede viaria provincial nestas datas. Os traballos céntranse fundamentalmente na retirada de neve que fixo un maior acto de presenza nos municipios da Montaña. Concretamente, en Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Becerreá, Triacastela, Navia de Suarna e O Incio.

Deste xeito, dende primeiras horas da madrugada estase a esparcir sal na calzada debido ás pracas de xeo que se formaron coa caída das temperaturas durante a noite. Nas últimas horas, repartíronse 96 toneladas.

As zonas máis afectadas

As empresas adxudicatarias do mantemento da rede viaria da Deputación están a actuar nas 8 zonas nas que o organismo provincial ten adxudicada o mantemento dos seus viais. Deste xeito, malia que non é necesario o uso de cadeas cómpre circular con precaución por 10 estradas. Son as seguintes: CP 5601, que vai de Seoane do Courel a Samos; CP 1306, que vai de Courel ó Incio; CP 1301, que enlaza Seoane con Pedrafita; CP 1303, de Seoane do Courel a Ferramulín; CP 1304 de Mostad por Romear a Casares, tamén en Seoane do Courel; CP 0702, que vai de Becerreá a Navia de Suarna por San Román de Cervantes; CP 1401, que comunica a LU-723, por Degrada ó Piornedo; CP 3505, de Navia de Suarna por Silvouta a Donís; CP 6201, que vai de Triacastela, por Alto da Albela a Guilfrei; e CP 0703, de Becerreá á Feira de Paradela.

Tendo en conta as previsións meteorolóxicas, a Deputación manterá en alerta o dispositivo despregado para atender as incidencias por neve e xeo que poidan xurdir na rede viaria provincial. No caso de que fose necesario, tamén se disporá dos efectivos e das máquinas do Parque Móbil.

Exit mobile version