Site icon Crónica3.com A Mariña

As vías públicas están nalgún caso intransitables, asegura o BNG de Foz

Nota de prensa

O BNG DE FOZ CONTINUA COA CAMPAÑA “FOZ NON SE MERECE ISTO” PARA DENUNCIAR O ABANDONO DO CONCELLO

“As vías públicas están nalgún caso intransitables e nunha situación perigosa” afirma Basanta

Foz, a 18 de decembro de 2010.- O BNG de Foz continuou este sábado coa campaña “Foz non se merece isto”, co fin de denunciar o abandono do Concello por parte do Goberno Municipal e nalgún caso da Xunta de Galicia. Despois do colocar o fin de semana anterior pegatinas polo centro urbano, esta vez o BNG dirixiuse a diferentes lugares da zona portuaria e da zona das praias.

En concreto, as denuncias centráronse nos vertidos de residuos urbanos á Ría de Foz ou ás zonas de costa como na praia de Llas e no porto de Augadoce debido principalmente ao pésimo funcionamento da depuradora municipal. “Non se entende como unha depuradora deseñada para 8.000 persoas non depura nin sequera os residuos de 4.000, provocando unha situación medioambiental inaceptable” acentúa González Basanta. Así mesmo, denunciouse o estado de varias edificacións en estado ruinoso e cun evidente perigo para os viandantes. En concreto, o edificio da vella Cofraría de Pescadores nunha situación de abandono e coas ventás cos cristais completamente rotos a punto de caer ou un edificio en ruínas na Ribeira que está a punto de derrubarse. Tamén se deixou unha pegatina na obra de reforma da Rúa da Ribeira na conexión coa Rúa Nazareno totalmente inacabada e en mal estado. Ao mesmo tempo sinalizouse numerosos destrozos nas vías públicas e nas beirarrúas para advertir da súa perigosidade. Respecto ás competencias de Portos de Galicia, dependente da Xunta de Galiza, advertíuse do mal estado das varandas nas escaleiras así como o deficiente estado dos portalóns da lonxa.

Xa camiño da zona da Rapadoira, o BNG denunciou o estado de varias beirarrúas. Nun caso, como en Trapero Pardo, con material de obra e vallas que interrompen o paso desde hai meses sen explicación. Noutro caso, na Rúa Alfredo Brañas, onde a beirarrúa está destrozada por unhas obras desde hai anos sen que o goberno municipal se preocupase por que se restaurara o seu estado. No paseo marítimo da Rapadoira evidenciouse a falta de limpeza do mesmo e o nulo mantemento en canto a repoñer elementos rotos ou o estado dos contenedores de lixo sen tapa. Unha das situacións máis sangrantes é a do muro do paseo nunha das baixadas á Rapadoira, totalmente destrozado e cuns cables eléctricos ao aire libre por onde pasa corrente cun grave perigo para as persoas e menores que pasean por alí.

Todas estas situacións xa foran denunciadas polo BNG en varias ocasións e por iso a realización desta campaña, unha campaña que está tendo unha gran aceptación na veciñanza porque non se comprende a inanición do goberno diante destas situacións e porque é a única maneira de que o goberno municipal reaccione. Tanto é así, que efectivamente nalgunha das denuncias efectuadas polo BNG hai unha semana o alcalde e o grupo de goberno si actuaron, como por exemplo sucedeu coa caixa eléctrica dun farol na Parque Martinez Otero que finalmente se tapou con cinta adhesiva dado que supoñía un perigo inminente para os nenos e nenas que xogan no parque.

O BNG quere agradecer as felicitación recibidas por esta iniciativa e anima aos veciños e veciñas a seguir colaborando achegándonos aquelas preocupacións, sexan cales sexan, que necesiten dunha solución urxente. O próximo fin de semana o BNG desprazarase a Marzán e ás parroquias.

Exit mobile version