Site icon Crónica3.com A Mariña

Carta a un maltratador

* Carta a un maltratador é unha narración de Carmen Ventoso Lista

Onte estiven con mamá. Conteille que tal che vai na túa nova casa. Xa lle dixen que non estás moi contento, porque as túas vistas non son moi boas e os teus veciños son todos homes moi raros. Acórdaste dos Pérez? Eran moi boas persoas, espero volver velas pronto algún día. Cando cumpra os dezaoito anos sacarei o carné de conducir e irei velos. Pero ata aí aínda queda moito. Cando eu sexa maior de idade, a ti aínda che quedarán uns vinte anos para poder ires vivir a outra casa. Supoño que non volverás a Galicia, que te irás a outro lugar de España. En fin, o avó dixo que cando saíras de Picassent ía ir por ti. Non comprendín moi ben porque dixo iso. Dende que mamá marchou, el sempre está chorando.

Cambiando de tema, o luns pelexeime cun rapaz no colexio. Non te preocupes porque gañei eu. Despois de que me pegara o primeiro empurrón, acordeime de cando lle pegabas a mamá. Nunca o facías coa man aberta, así que deille un “puñetazo” a Óscar na cara. Quedoulle o ollo dunha cor morada, como tirando a negro, case a mesma cor que tiña mamá cando batera co marco da porta. Vaia coincidencia!

Despois a directora do colexio castigoume, pero eu insulteina como facías ti, para ver se así me tiña medo e me deixaba en paz. Pero ela non era como mamá, canto máis lle berraba, máis me castigaba.

Ben papá, teño que despedirme, que pola tarde celebro o meu sétimo cumpreanos e teño que ir ver a mamá o cemiterio. Ela sempre decía que pasara o que pasara estaría o meu lado. Que mentirosa! Agora está soterrada baixo o nicho 61 e son eu o que sempre teño que ir ó seu lado. Ademais, cando vou pola rúa, camiño do cemiterio, as señoras maiores sempre me din:-Pobre neniño, que perdeu a seus pais!

Eu penso que debe ser cousa da idade porque non as entendo; ti estás no cárcere e mamá no cemiterio así que non perdín a ningún.

Un bico, papá! Quérote moito
Martiño

*Traballo orixinal de Carmen Ventoso Lista, gañador da certame de narración “Carta a un maltratador” da delegación de Asuntos Sociais de Cervo

Exit mobile version