Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrase en Burela o Encontro da Inmigración 2010 da Secretaría Xeral da Emigración

REFERENCIA

Burela acolle este sábado o encontro da inmigración 2010, organizado pola Xunta de Galicia

A delegada territorial en Lugo, Raquel Arias, será a encargada de inaugurar unha xornada na que participan Ana Pastor e Susana López Abella

Santiago, 17 de decembro de 2010.- Celébrase mañá sábado en Burela o Encontro da Inmigración 2010, unha convocatoria organizada pola Secretaría Xeral da Emigración da Xunta, e na que participan duascentas persoas inmigrantes que viven en Galicia. O acto será inaugurado ás once e media da mañá pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez.

Coa realización desta xornada preténdese favorecer o coñecemento mutuo das asociacións de inmigrantes da Comunidade Autónoma, e contribuír á visualización da achega das persoas inmigrantes que viven e traballan en Galicia ao progreso cultural, social e económico común.

A elección de Burela como sede para este Encontro non é casual, por canto esta localidade da Mariña luguesa é un punto referencial na convivencia entre inmigrantes e galegos nativos, por mor do importante fluxo de profesionais do eido pesqueiro chegados de terceiros países, nomeadamente Cabo Verde. Estes traballadores, desde hai anos, súmanse á poboación residente, tras ter fixado a súa vida -e a das súas familias- no norte da provincia de Lugo.

Conferencias
O Encontro da Inmigración 2010 comezará -unha vez inaugurada a cita pola delegada Raquel Arias- cunha conferencia da vicepresidenta segunda da Mesa do Congreso dos Deputados e ex ministra de Sanidade e Consumo, Ana Pastor, que versará sobre ‘Inmigración e cohesión social: construíndo Galicia’.

Tras unha breve pausa, a xornada continúa con outra conferencia sobre ‘A inclusión social en Galicia’, relatorio que correrá a cargo da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella. Finalmente, o Encontro conclúe coa actuación musical de Batuko Tabanka, e un xantar con tódolos participantes.

Exit mobile version